Buscar neste blog

sábado, 24 de febreiro de 2018

O Armenteira Veteranos naufraga como local nun accidentado partido en Zacande

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA VETERANOS - S.C.D. TERRAS DE CURRO - 1 - 2
ARMENTEIRA VETERANOS: Joserra; Portas, Carlos, Óscar Barreiro, Jorge Dávila; Richi, Rafa, Jorge Castro, Joseíño; Manueliño e Galiñanes. Tamén xogaron Javi, Manolo Quintás e Jose Outón.

GOLES: 0-1. Minuto 4. Julio Constenla 0-2. Minuto 32. Marcial Viquiera. 1-2. Minuto 70. Jorge Castro, de penalti
ÁRBITRO: López López. Mostrou cartóns amarelos por parte do S.C.D. Terras de Curro a Julio Constenla, Juan José Fernández, Sindo Buceta e Ángel Fariña
INCIDENCIAS: Partido da vixésima xornada, da Segunda Galicia de Veteranos, Grupo 1, disputado no campo Municipal de Zacande, antes uns quince espectadores, nunha tarde soleada pero fresca, e sobre un terreo de xogo en condicións idóneas para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O Armenteira Veteranos caiu derrotado por un gol a dous no partido que disputou na tarde deste sábado no campo Municipal de Zacante ante a S.C.D. Terras de Curro, no que curiosamente o cadro verdinegro exerceu de local fronte ao equipo que habitualmente exerce esta condición, sen que a situación acabase sendo vantaxosa para a entidade de Armenteira. Foi nun encontro accidentado, ata cinco xogadores tiveron que abandonar o terreo de xogo lesionados por ámbolos dous conxuntos, e pobre no futbolístico por parte do Armenteira Veteranos, que pagou en exceso o seu mal inicio, e no que non resultou efectiva a reacción en forma de ritmo e intensidade do segundo período. Xa no minuto 4 se adiantaba a S.C.D. Terras de Curro. Julio Constenla recolle un rexeitamento da defensa verdinegra e arrinca con velocidade cara a portería, armando un disparo que ningún dos defensores foi quen de taponar, e que, tras impactar nun deles, desvía a traxectoria e bate a Joserra. Coa vantaxe do gol e mellor asentado sobre o terreo de xogo, o equipo de Curro fíxose dono do xogo. Combinando, coas liñás moi abertas, os balóns enviados dende a zona de creación cara os extremos poñían en apuros unha e outra vez aos verdinegros. A dirección de Sindo Buceta no mediocampo e a gran punta de velocidade de Marcial Viqueira polo costado dereito non podían ser contrarrestadas por un Armenteira Veteranos ao que apenas lle duraba a posesión do balón e que cometía erros moi inxenuos cando trataba de construír as xogadas dende atrás. O recurso aos balóns aéreos buscando aos dianteiros tampoco tiña éxito ante a seguridade que mostraba a defensa da S.C.D. Terras de Curro. Con todo, un feito deixaría en segundo plano o ocorrido no aspecto deportivo na tarde do sábado en Zacande. No inicio dunha carreira, o futbolista do conxunto branquinegro Ayala sufría unha grave lesión que tivo paralizado o partido durante case media hora e que requeriu a presenza das asistencias sanitarias. Unha ambulancia medicalizada desprazouse ata Zacande para trasladar a un centro hospilario ao futbolista do equipo de Barro, ao que as primeiras exploracións parecían pronosticar unha rotura do tendón de Aquiles. Tras a reanudación o Armenteira Veteranos adiantou as liñas. Colocou a defensa á altura do mediocampo e aumentou a intensidade e o ritmo do xogo. Pero seguiu pecando dos mesmos erros da primeira metade. As imprecisións nos pases, as présas á hora de tratar de chegar á portería contraria, a escasa profundidade por bandas, e, sobre todo, o abuso en exceso dos balóns aéreos en profundidade condenaban aos de A Armenteira ante un rival ordenado e poderoso por alto, que de vez en cando lanzaba rápidos contragolpes aproveitando a velocidade dos seus extremos. Nunha das poucas ocasións que o Armenteira Veteranos se plantou na área visitante Jorge Castro, só diante do meta Javier García, era derrubado no man a man co gardamallas, unha acción nin sequera foi sancionada con cartón amarelo. Sería o propio Jorge Castro o encargado de transformar a pena máxima, que serviu para dar esperanzas a un equipo verdinegro que continuou de forma infructuosa batendo unha e outra vez contra a sólida defensa da S.C.D. Terras de Curro. Con esta derrota por un gol a dous os de Barro superan na clasificación ao Armenteira Veteranos, que se sitúan agora na décimo segunda posición, con quince puntos. Tempo terán para reflexionar e recuperarse, pois a próxima fin de semana descansarán e non terán xornada de liga ata o sábado 10 de marzo, cando reciban no campo de O Leixo ao Bar Santiaguiño.









Ningún comentario:

Publicar un comentario