Buscar neste blog

xoves, 8 de febreiro de 2018

Un torneo para quen máis o necesita

Atlético Estrada, Armenteira C.F. e S.D. Noalla porán a disposición este sábado 10 de febreiro os seus equipos de categoría sénior feminina para unha bonita e interesante iniciativa. No campo de A Lanzada, en Noalla, o clube local organiza un torneo benéfico, na modalidade de fútbol-11, con partidos de 45 minutos de duración e no que se repartirán trofeos para todos os equipos participantes. Non haberá cota de inscribión nin aportación en metálico algunha. O único requisito que se esixe é que cada xogadora colabore polo menos cun quilo de alimentos non perecedoiros. Unha organización de axuda á poboación máis desfavorecida encargarase despois de distribuír o recadado nos lugares onde o precisen. Abrirá a competición o partido entre o Armenteira C.F. e a S.D. Noalla a partires das 10:30 horas. A continuación o conxunto local medirase, a partires das 11:30 horas, ao Atlético Estrada, e, xa a partires das 12:30 horas, Atlético Estrada e Armenteira C.F. disputarán o último encontro do torneo. As gañas de triunfar e de sumar un novo trofeo ao palmarés compartirán protagonismo co compañeirismo e coa ilusión por disfrutar en común das futbolistas de tres clubes modestos, humildes e solidarios que queren levar á práctica estes principios que forman parte da súa identidade, dos cales queren facer partícipes a todas aquelas persoas que este sábado se acheguen ata as intalacións deportivas situadas na paradisíaca paraxe de A Lanzada. Unha excelente idea, da que se está convertendo en habitual o clube de Sanxenxo, e que será o preludio da COPA ARMENTEIRA, que se celebrará a próxima primavera no campo de O Leixo, na que a S.D. Noalla, vixente campión, e Atlético Estrada, volverán estar presentes.


Ningún comentario:

Publicar un comentario