Buscar neste blog

sábado, 17 de febreiro de 2018

Merecida vitoria do Armenteira C.F. alevín ante a E.F. Cobres "B"

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. -  E.F. COBRES "B"- 4 - 2
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Matilde; Álex Grigorio, Andrés, Sara Otero; Brais Santamaría, Estela, Mateo; e Aldara. Tamén xogaron Ainhoa e Ramón.
GOLES: 1-0. Minuto 3. Brais Santamaría. 2-0. Minuto 16. Aldara. 2-1. Minuto 28. Isaac Álvarez, de penalti. 3-1. Minuto 33. Mateo. 3-2. Minuto 36. Érik Pérez. 4-2. Minuto 45. Brais Santamaría.
ÁRBITRO: Campos Maneiro. Non mostrou cartón amarelo a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da décimo quinta xornada da Terceira alevín, Grupo 61, disputado na mañá deste sábado no campo de O Leixo (ARMENTEIRA), nunha mañá fresca pero soleada, e sobre un terreo de xogo nunha condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu este sábado unha nova vitoria, a segunda consecutiva e a sexta no que vai de temporada. Foi nun encontro dominado polo cadro verdinegro, claramente superior, e no que mereceu vencer con máis claridade, pero, no que a falta de acerto en ataque e os despistes defensivos o fixeron pasar por apuros en determinados momentos e deron emoción a un partido que a priori parecía que non ía tela. Nada máis comezar Brais Santamaría remachaba o balón case sobre a liña de gol para adiantar aos locais. Co xogo desenvolvéndose principalmente na metade do campo defendida pola E.F. Cobres "B" Aldara non fallaba ante o meta Mario Gómez para colocar o dous a cero. Na segunda metade o conxunto visitante comezou a deixarse ver polas inmediacións da portería do Armenteira C.F., aínda que sen crear excesivo perigo. Un inocente penalti cometido polos locais permitiría acurtar distancias a Isaac Álvarez. Non quería deixarse sorprender o equipo que dirixen Luis e Alba Barral e Mateo, ante a impasividade da defensa dos de Vilaboa, parecía situar a tranquilidade co tres a un. Pero unha perda na saída do balón era aproveitado por Érik Pérez para levar o nerviosismo á bancada local de O Leixo. Sucedíanse as ocasións desperdiadas polo ataque do Armenteira C.F. ata que, a cinco minutos do final, Brais Santamaría poría a sentenza cruzando o balón ante o meta laranxa. Vinteún goles leva xa o dianteiro de Sisán, que o converten nunha das grandes referencias goleadores da escadra verde e negra, e como un dos principais artilleiros do grupo. Con este triunfo o equipo alevín do Armenteira C.F. mantense na oitava posición, con vinte puntos, á espera de visitar a próxima fin de semana ao Portonovo S.D. "B", que ocupa o primeiro posto, con corenta e un puntos. 


Ningún comentario:

Publicar un comentario