Buscar neste blog

domingo, 25 de febreiro de 2018

Vitoria do Armenteira C.F. infantil ante o Rápido Bahía tras sentenciar na primeira metade

FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - RÁPIDO BAHÍA C.F. - 4 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Sergio Casal; Fran, Xoán, Adri, Javi Abal; Carlos, Migui, Hugo; Manu Meixús, Junior e Íñigo. Tamén xogaron Sara Rey, Anabel, Andrés Fernández e Brais Santamaría.
GOLES: 1-0. Minuto 3. Íñigo. 2-0. Minuto 7. Íñigo. 3-0. Minuto 9. Migui. 4-0. Minuto 39. Manu Meixús. 4-1 Minuto 47. Marcos Otero
ÁRBITRO: Leirós Brea. Mostrou cartón amarelo ao adestrador Cristian Rosales por parte do Rápido Bahía C.F.
INCIDENCIAS: Partido da quinta xornada da segunda fase da Segunda autonómica infantil. Grupo 62A, disputado no campo de O Leixo, en Armenteira, ante uns corenta espectadores, nunha mañá soleada e primaveral e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.

CRÓNICA
O equipo infantil do Armenteira C.F. venceu por catro goles a un ao Rápido Bahía C.F. no partido disputado na mañá deste domingo no campo de O Leixo. Foi nun encontro no que o cadro verdinegro saiu ao campo motivado, aplicando intensidade ao xogo e no que, grazas ao acerto ante a portería contraria nos primeiros minutos, puido deixar practicamente sentenciado o partido cando foron ao descanso. Íñigo, que asumiu o posto de dianteiro centro tras a grave lesión de Mosteiro, adiantaba aos locais tras superar cunha perfecta vaselina a saída de Iago Maya, o espigado gardamallas do conxunto de Aldán. De novo, Íñigo moi activo e inspirado na mañá deste domingo, poría o dous a cero mediante un gol de moi bela factura, colocando dende o borde da área o balón na escadra visitante. Ao asedio do Armenteira C.F. uniríase tamén Migui, que despois dunha xogada combinativa recibía na área para bater a Iago Maya. Pouco a pouco foi perdendo a posesión o equipo que adestra Luis Barral, que cada vez tiña máis dificultades para trenzar xogadas e que vía como as forzas comezaban a declinar. Guiados por Marcos Otero, Anxo Domínguez e Lucio Vázquez os de O Morrazo facíanse ver polas proximidades da meta defendida por Sergio Casal. Pero a seguridade do meta de A Cabana, e da parella de centrais formada por Xoán e Adri eran un obstáculo difícil de superar polos branquiazuis. A piques de acadar o descanso unha asistencia de Íñigo chegaba aos pés de Manu Meixús, que, tras irse en velocidade dos defensores cruzaba o balón ante Iago Maya. No segundo período o Rápido Bahía C.F. tratou de facerse dono do xogo. O fútbol desenvolvíase principalmente na metade do terreo de xogo que defendía o equipo de O Leixo, pero a efectividade no corte a a falta de acerto dos visitantes non facían perigar a vantaxe do Armenteira C.F. Só Marcos Otero, un poderoso e habiloso atacante, conseguiría enviar o balón ao fondo das mallas da portería de Sergio Casal tras unha acción individual na que recibiu de costas e se xirou rapidamente para armar un potente disparo. A perda de control no mediocampo, o abuso na condución do balón e a falta de apoios para construír xogadas non foron facilidades suficientes para que o rival aproveitase para poñer sequera emoción no marcador. Con este resultado o equipo infantil do Armenteira C.F. sitúase na sétima posición, con sete puntos, á espera de visitar a próxima fin de semana o campo de A Ran para medirse ao Atlético Cuntis, cuarto clasificado con nove puntos.






Ningún comentario:

Publicar un comentario