FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - SAN MARTÍN C.F. - 3 - 3
ARMENTEIRA C.F.: Roberto Torres; Gabriel, Bufi, Fari, Valo; Dimitar, André, Mathias, Cristian Abal; Hilias e Alberto. Tamén xogaron Josiño, Adrián Castro e Roberto Trigo.
ÁRBITRO: Vidal Álvarez. Mostrou cartóns amarelos a Valo e Adrián Castro polo Armenteira C.F. e a Nico Rodríguez polo San Martín C.F.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima novena xornada da Segunda autonómica xuvenil. Grupo 9 disputado no campo de A Bouza, en Barrantes, ante uns cincuenta espectadores, nunha mañá fresca pero soleada e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.
INCIDENCIAS: Partido da décimo sétima novena xornada da Segunda autonómica xuvenil. Grupo 9 disputado no campo de A Bouza, en Barrantes, ante uns cincuenta espectadores, nunha mañá fresca pero soleada e sobre un terreo de xogo nunhas condicións idóneas para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo xuvenil do Armenteira C.F. logrou un empate a tres goles no partido disputado na mañá deste domingo no campo de A Bouza, en Barrantes, ante o San Martín C.F. Foi nun encontro equilibrado, con alternativas por ámbolos dous bandos, no que calquera dos dous conxuntos puido levarse a vitoria, e que será lembrado por unha decisión deportiva do adestrador local Valentín Estévez "Tilín". Non comezou mal o Armenteira C.F. Fronte a un rival serio e ordenado trataba penetrar polos costados con Dimitar e Cristian Abal e de buscar a creatividade de Hilias na mediapunta e a brega constante de Alberto na punta de ataque. Pero axiña aflorou o punto fraco dos verdinegros na mañá deste domingo en Barrantes. A fraxilidade e a indecisión da defensa ante os balóns aéreos tivo a súa primeira manifestación na xogada que daría lugar ao primeiro gol dos de Vilaxoán. Marcos Cascallar aproveitaba esta debilidade para recibir en velocidade e bater a Roberto Torres. Mantivo o tipo o equipo local, dominando, combinando, aínda que con escaso acerto ante a meta rival. De novo un balón elevado en profundidade caería nos pés de Marcos Cascallar para poñer en clara vantaxe aos seus. O futbolista do San Martín C.F., cunha ascendencia ilustre dentro do fútbol comarcal e galego, pois o seu pai, Juan Luis Cascallar, chegou a debutar co R.C. Deportivo na antigua competición da Copa da UEFA, foi, xunto a Suárez e a Eire Comendador, un dos grandes pesadelos da escadra verdinegra no partido deste domingo. A reacción local chegaría da man de Cristian Abal, que superou cun toque sutil a saída do meta Antón Soto. A entrada de Josiño e, sobre todo, de Adrián Castro na segunda metade revolucionaron ao conxunto que dirixe "Tilín". A pesares de que o San Martín C.F. dispuxo dalgunha clara ocasión ao contragolpe para sentenciar o dominio correspondeu aos verdinegros. Cristian Abal e Adrián Castro, dous pequenos, bulideiros e habilosos futbolistas, converteron a zona co carril esquerdo do ataque local no principal e case exclusivo escenario de operacións. Froito deste dominio chegaría o tanto do empate tras un disparo de Adrián Castro que o gardamallas visitante non foi quen de repeler. Co Armenteira C.F. cada vez máis cómodo sobre o terreo de xogo produciríase a xogada máis determinante do partido. Nunha acción na que dous futbolistas visitantes se foron ao chan Adrián Castro, que non atendeu ás indicacións do seu adestrador para que botase o balón cara a banda, e conduciu o balón ata a área para asistir a Cristian Abal, que non perdoaría. As reclamacións dos xogadores rivais e a insistencia de Valentín Estévez "Tilín" en devolver o desagravio ao equipo contricante mediante un xesto deportivo, fixeron que Cristian Abal, enviase un balón longo dende o campo contrario cara ao seu compañeiro, o gardamenta Roberto Torres, para que este introducise o esférico na súa propia portería. Custoulles comprender aos xogadores do Armenteira C.F. a decisión do seu adestrador. Algúns expresaban as súas queixas, outros pedían explicacións. O mesmo ocorría na bancada, e mentres, o adestrador visitante, Joaquín Emilio Fernández, acudía a felicitar ao técnico local polo valente exemplo de deportividade. Pouco máis sucedería dende entón e os noventa minutos finalizarían cun reparto de puntos, un resultado que se podería considerar de xusto a tenor do demostrado polos dous equipos sobre o céspede artificial de A Bouza. Con este empate o Armenteira C.F. permanece na décima posición, con vintecatro puntos. A próxima xornada será de descanso para a escadra verdinegra, ao non saír á competición o rival que lle correspondía, o Pontevedra C.F. "B". Haberá que agardar á primeira fin de semana de marzo para volver a ver a este equipo sobre escea, e será de novo no campo de A Bouza e ante o C. Juventud Cambados "B", undécimo clasificado, con vinte puntos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario