FICHA TÉCNICA
ARMENTEIRA C.F. - E.D.V.M. PEREIRÓ C.F. - 2 - 1
ARMENTEIRA C.F.: Ángeles; Fátima, Patricia, Naomi, Lara; Diana, Alessandra, Ana Abal; Ana Martínez, Paula e Sofía. Tamén xogaron Xeila, Laura e Yara. GOLES: 0-1. Minuto 12. Yolanda Díaz. 1-1. Minuto 51. Sofía. 2-1. Minuto 85. Sofía.
ÁRBITRO: López Vázquez. Mostrou cartóns amarelos a Yolanda Díaz e a Federica Fernández por parte da E.D.V.M. Pereiró C.F.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo segunda xornada da Segunda División Feminina. Grupo 3, disputado no campo de O Leixo, ante uns corenta espectadores, nunha tarde fría pero soleada, e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
INCIDENCIAS: Partido da vixésimo segunda xornada da Segunda División Feminina. Grupo 3, disputado no campo de O Leixo, ante uns corenta espectadores, nunha tarde fría pero soleada, e sobre un terreo de xogo en condicións aceptables para a práctica do fútbol.
CRÓNICA
O equipo sénior feminino do Armenteira C.F. conseguiu unha valiosa e importante vitoria no partido disputado na tarde deste domingo no campo de O Leixo ante a E.D.V.M. Pereiró C.F. É o cuarto triunfo da temporada para as rapazas que adestran Marcial Prado e Junior Tirado, e foi nun encontro intenso, emocionante e no que as locais acabaron desequilibrando a balanza nun moi bo segundo tempo con dous tantos de Sofía. Comezou con moitas dúbidas o Armenteira C.F. Parecendo non asimilar os cambios tácticos polos que apostou o corpo técnico, en particular a presenza de Alessandra como medio defensivo e a de Sofía como dianteira de referencia, entregaron a posesión do esférico ás visitantes, que, nun envío en profundidade sacaron partido da falta de entendemento entre a gardamallas Ángeles e a defensa, permitindo que Yolanda Díaz se quedase nunha posición máis ca favorable para adiantar ás viguesas. A reacción local tardou en chegar. As entradas pola banda dereita de Ana Martínez foron a principal fonte de perigo das verdinegras neste primeiro período. Pero non tivo fortuna a futbolista de O Freixo nas dúas claras ocasións nas que se presentou ante a meta Elisabeth Fernández. Na segunda metada a situación cambiou. O Armenteira C.F. aumentou a súa intensidade e tomou o control do xogo, ao tempo que as visitantes ían perdendo folgos co paso dos minutos. Con todo, houbo que agardar ao minuto 51 para que Sofía lograse a igualada. As aproximacións locais sucedíanse, aínda que sen o acerto nin a fortuna suficientes. A velocidade de Paula polo costado esquerdo era agora a principal arma ofensiva dun conxunto local que depositou de novo as súas esperanzas de vitoria nos pés de Sofía. E a futbolista de Zacande non defraudou. Nunha excepcional xogada individual foi quen de burlar á defensa, regatear á porteira e acadar o gol do triunfo coa meta baleira. Moito celebran en A Armenteira o día que esta xogadora decidiu mudar o parquet das canchas de baloncesto pola terra de O Leixo, abandonando a súa prometedora carreira no deporte da canastra para converterse nunha das grandes referencias da entidade verdinegra. Os cinco minutos que restaban para o final darían para moito. A escalofriante lesión da futbolista do cadro vigués Claudia Villar, que tivo que retirarse do terreo de xogo cunha forte dor no xeonllo marcou o destino final do partido. De non ser por unha afortunada intervención de Ángeles o marcador ben puido ser alterado. Moi segura estivo no man a man a cancerbeira de San Amedio na tarde deste domingo. Estes tres puntos non permiten que o Armenteira C.F. suba ningún chanzo na clasificación, pero contribúen a reforzar a moral dun grupo que a pesares das dificultades e dos avatares que van xurdindo durante a temporada se mantén forte e unido e con gañas de seguir progresando. O 17 de febreiro, e novamente en O Leixo, será a próxima cita. O rival, a S.D. Chispa, un dos equipos cun gusto máis exquisito polo fútbol, terá que pasar a esixente proba dun campo que partido a partido confirma a súa consideración entre os máis compricados para as escadras que o visitan, e ante un equipo en crecemento e co ánimo reforzado.
Ningún comentario:
Publicar un comentario