A primeira xornada de participación do equipo alevín do Armenteira C.F. na presente edición da fase previa do torneo internacional Arousa Fútbol-7 estivo marcada sobre todo por un feito: as condicións meteorolóxicas adversas. O frío, a choiva, en forma de saraiba a veces e o vento foron as notas predominantes dun día de fútbol que viu como estas circunstancias desluciron un dos mellores espectáculos que pode ofrecer esta deporte nas categorías de base a nivel estatal. Para o Armenteira C.F. foi unha xornada intensa e compricada. Á mañá tivo que facer fronte ao Bertamiráns F.C. "C", un conxunto dunhas das escolas de fútbol máis emerxentes de Galicia. Xa en horario de tarde, cambiou o escenario do Manuel Jiménez polo campo de A Pelada, en Faxilde, ao que a organización trasladou parte da competición debido á dificultade que podería supoñer disputar varios partidos no campo de herba natural de Fontecarmoa, habilitado en principio como campo número 3. En Faxilde mediuse á U.D. Barbadás, outra potente escola de formación no deporte do balompé da área metropolitana de Ourense. A meteoroloxía foi respectuosa ata ese momento. Pero cando a expedición da entidade verde e negro se trasladaba de novo cara Fontecarmoa para afrontar o último partido da xornada desatouse o temporal. Unha explosión de vento e saraiba fixo voar vallas, lonas, banquillos e o outros elementos publicitarios que adornadas o escenario principal da competición. Foi preciso suspender o desenvolvemento do torneo durante aproximadamente unha hora, un parón tras a cal o equipo que dirixen Luis e Alba Barral tivo ante si o que a priori era o rival máis compricado do grupo: o Areosa C.F. A potente escadra viguesa, unha das máis fortes de Galicia, non deu opción algunha aos nenos e nenas do clube de O Leixo. Con dignidade, loitando e dando a cara na medida do posible asumiron o reto. A gran actuación de Sara Otero na portería arrincou os aplausos do público e atraeu os flashes das cámaras que inmortalizan cada momento deste evento deportivo. Quizais esta acabe sendo a mellor lembranza que deixe o Armenteira C.F. nesta edición da Arousa Fútbol-7. Unha lembranza que quedará marcada igual que as rozaduras nas pernas da futbolistas de Vilariño, que non soportaron o ímpetu que puxo nas numerosas ocasión nas que se lanzou a polo balón. O venres 30 de marzo será a seguinte e última cita para a escadra verde e negra no torneo, e será ante outro rival de gran rival, o conxunto coruñés do Oza Juvenil S.D.
Ningún comentario:
Publicar un comentario