Buscar neste blog

xoves, 29 de agosto de 2019

O Dúo Perlas amenizará as festas de verán de A Armenteira de 2019

As festas de verán de A Armenteira terán este ano un protagonista especial, ou máis exactamente dous, Miguel Rodiño e Pepe Maquieira, compoñentes do popular conxunto musical Dúo Perlas, que serán a gran atracción das celebracións na honra de San Ero e da Divina Pastora. Tras finalizar o ciclo da Xunta Directiva da Comisión de Festas O´Noso e sen confirmar aínda as persoas que tomarán o relevo, un grupo de veciños e veciñas da parroquia mobilizouse para tratar de manter unha tradición que nesta ocasión corría serio perigo de non repetirse. Baixo o patrocinio dalgúns dos locais de hostalería de A Armenteira, como o Café Bar O`Comercio, o Bar Restaurante A´Fonte ou a Taberna Rural Carballo de Prado, xunto coa agrupación de electores Independientes por Meis, que vén de presentarse ás eleccións municipais do pasado mes de maio, o ambiente festivo en forma de verbena non se perderá este ano. O sábado, 31 de agosto, a partires das 22:30 horas, na denominada Praza de Vilar, a que se atopa na entrada ao adro do mosteiro cirterciense, Dúo Perlas, o coñecido grupo musical composto por dous veciños da parroquia, fará vibrar ao público cos seus animados ritmos. Ao día seguinte, o domingo, 1 de setembro, a partires das 13:30 horas, na Taberna Rural Carballo de Prado, no lugar de Valboa, unha actuación musical encargarase de amenizar a sesión vermouth. Un mes despois da exitosa celebración do Armenteira Jazz a música non quere faltar a esta cita anual con A Armenteira e coa súa xente á espera de que un novo equipo directivo se poña á fronte da Comisión de Festas O`Noso de cara ao ano 2020.

venres, 16 de agosto de 2019

O fútbol dende a diáspora

Nunha historia relativamente curta como é a do Armenteira C.F., e nun clube tan humilde e modesto como este, hai xogadores que se pode dicir que marcaron unha época. José Pérez, Martín Casais ou Jorge Castro, actualmente no Armenteira Veteranos, iniciaron a súa traxectoria como futbolistas aló por 1995, cando Julio Serén puxo a rodar na competición oficial á entidade verdinegra. Tras un longo percorrido polas categorías de fútbol base retomarían a súa relación co clube de O Leixo en 2005 coa creación dun equipo sénior, no que se mantiveron ata 2009, cando este abandonou a liga da Terceira autonómica. Na actualidade colman as súas ansias de disfrutar deste deporte nas filas do Armenteira Veteranos. Nas categorías de formación do Armenteira C.F. tamén hai futbolistas cun extenso periplo. Xoán, Sergio Casal, Migui ou Íñigo comezaron a súa carreira no mundo do balompé nun equipo prebenxamín aló por 2010. Os tres primeiros, por diversos motivos, decidiron deixar o clube ou víronse na obriga de facelo ao rematar a temporada 2017/2018. Mentres, Íñigo permaneceu no equipo infantil, único da base do Armenteira C.F. que resistiu na campaña 2018/2019, sendo un dos grandes referentes dun conxunto que sumaría un novo éxito para o meritorio palmarés da entidade: o campionato de liga do grupo 62 da Segunda autonómica infantil. Con nove temporadas no Armenteira C.F., Íñigo era o máis veterano daquel equipo, pero tamén había outros rapaces cunha longa vinculación ás cores verdes e negras, como Manu Meixús con sete e Álex Grigorio con seis. Esta temporada todos eles iniciarán unha nova etapa. Mentres algúns aínda non aclararon o seu destino, Íñigo e Manu Meixús tomaron rumbo a Cambados para probar fortuna no clube da vila do albariño. Con apenas unha semana no C. Juventud Cambados este xoves, 15 de agosto, disputaron o primeiro partido da pretemporada. O rival era nin máis nin menos que o Umia C.F. No conxunto cambadés figuraba tamén Dani Dadín, un rapaz de A Armenteira, do lugar de Couso, ao igual que Íñigo e Manu Meixús, que formara parte daquela xeración do prebenxamín de 2010, e que despois continou a súa carreira como futbolista noutros clubes. Tampouco faltaban no equipo que presentou o Umia C.F. xogadores con pasado verdinegro. Migui, Adri ou Borja, que no seu día vestiron a camisola verde e negra do Armenteira C.F., locen agora con orgullo a elástica vermella do clube de Barrantes. Aínda que se tratou dun partido amigable e de pretemporada, no que o resultado, e máis tendo en conta se que trata dunha etapa de formación, foi o de menos, cabe destacar a notable actuación dos tres futbolistas de Couso. Cun gol anotado por cada un deles e con detalles que auguran un futuro esperanzador na disciplina dun clube de tanto renome como o C. Juventud Cambados, estes futbolistas representan o éxito de enorme traballo realizado nunha entidade con tan escasos recursos como o Armenteira C.F., por unha xente que se sacrificou, que entregou o seu tempo, o seu esforzo ou incluso o seu diñeiro para facer realidade aquel soño que un día concebiu Julio Serén e que agora moitos só poderán contemplar ou practicar dende a diáspora.



sábado, 10 de agosto de 2019

ADN Cuartero pecha na noite do domingo o Armenteira Jazz`2019

A cuarta edición do Armenteira Jazz pon o seu peche este domingo, 11 de agosto, coa sesión nocturna que correrá a cargo de ADN Cuarteto, un grupo de recoñecido prestixio no panorama jazzístico, e que conta con figuras como José Nine, Antonio Bravo, Lar Legido e Rafa Morales. José Nine é un músico galego que estudou nos conservatorios de A Coruña e de Santiago de Compostela. Pasou por varios seminarios, como o seminario da International Asotiation of School of Jazz, no Conservatorio de A Haia. Participou tamén nunha estancia no Park Music Centre de Dublín. Na súa traxectoria musical ten formado parte de grupos de diferentes estilos como o jazz, o rock, o flamenco, o blues ou o folk, tocando xunto a músicos tan recoñecidos como Víctor Aneiros ou Xosé Manuel Budiño. É ademais docente, e impartiu clases no Seminario de Jazz e Música Modernal de Burela ou unha masterclass, con ensaio e concerto no día europeo da música en 2009, compartindo escenario coa Banda Municipal de Música de Silleda. Dentro da súa discografía destacan obras como Naviegos, os outros arrianos, con ADN Cuarteto, ou Zume de terraA Galicia vente xa, con Xosé Manuel Budiño. Ao seu carón estará o guitarrista Antonio Bravo. Bravo naceu en Riveira, aínda que reside en Madrid dende 1993. Trátase dun músico cunha longa e ampla carreira, adicada tanto ao ensino como aos seus propios proxectos, entre os que destaca a participación no dúo La Brigada Bravo&Díaz, co que en 2008 grabou o disco Músicas populares da Guerra Civil. Tamén colaborou con OH Trío, con Antonio Bravo Tangentes, coa Orquesta FOCO, con Inner Tango Quinteto ou con Ricardo Tejero Ensamble Progresivo Spain. ADN Cuarteto conta tamén con Luis Alberto Rodríguez Legido, musicalmente coñecido como LAR Legido. Este músico, investigador sonoro e profesor de batería naceu en Castromonte, na provincia de Valladolid, e actualmente dá clases de expresión rítmica e improvisación na Escola-Estudio de Música, en Santiago de Compostela. Na súa traxectoria destaca o paso polo Taller de Músicos e polo CEDI, ambos os dous centros situados en Madrid, nos que realizou estudos sobre análise da son, fisioloxía do oído, orixe da linguaxe, da arte e da ciencia do século XX e tamén sobre teoría da improvisación. En 1998 trasladouse a Santiago de Compostela para entrar como profesor titular da Estudio-Escola de Música e, ese mesmo ano recibiu unha bolsa de estudos do Berkelee College of Music de Boston para facer un curso de Word Percussion e foi seleccionado para o X Jazz Meeting, organizado pola International Asotiation of Schools of Jazz. En anos posteriores traballou con artistas como Xosé Manuel Budiño ou Mercedes Peón ou con formacións como Abe Rábade Trío. Sempre aberto a participar en iniciativas artísticas traballou a improvisación idiomática co trío de jazz Sumrrá, con grupos como Marful, co grupo de flamenco do guitarrista Marcos Teira ou xunto ao saxofón alto Pablo Sax e mesmo coa Orquestra de Música Espontánea de Galicia. Finalmente, completa o ADN Cuarteto Rafa Morales, un músico que posúe unha titulación superior polo Conservatorio de Ámsterdam, na especialidade de baixo eléctrico. Tocou en numerosos proxectos, entre os que sobresaen os que realizou con Yuri Honing Wired Paradise, con State of Monc, con Jamal Thomas Band, con Junghyung An Quintet ou con Erik Ritfeld Unit. Con estes ou con outros grupos actúa en salas e festivales de distintos países europeos ou dos Estados Unidos. Como docente traballou en escolas privadas de Holanda e no XI Seminario de Improvisación de Pola de Siero, en Asturias, no ano 2014. A actuación de ADN Cuarteto será, sen dúbida o mellor colofón a un festival que durante catros días volveu traer a A Armenteira e ao Concello de Meis a figuras destacadas do mundo do jazz, tanto a nivel estatal como internacional. Un evento xa plenamente consolidado, grazas ao inmenso traballo da organización capitaneada pola Asociación Terras Altas do Salnés, e que este ano pechará o telón coa sesión que se iniciará a partires das 21.00 horas no escenario instalado na praza ubicada entre o Bar Restaurante A`Fonte e o Café Bar O´Comercio.



A Street Band abre a xornada do domingo no Armenteira Jazz`2019

O Armenteira Jazz`2019 chega este domingo á súa xornada final. No entorno do mosteiro cisterciense os afeccionados e afeccionadas á música melódica de calidade poderán disfrutar de dous novos concertos, tanto en horario de mediodía como de noite. Ao mediodía será a ocasión de asistir á actuación da Street Band. Este conxunto musical conta cun figuras do nivel de Miguel Ponce, un saxofonista de Sanxenxo, que recibe formación no CMUS Manuel Quiroga de Pontevedra e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, nos que segue os pasos de profesores como Abe Rábade ou Paco Charlín. Acompáñao David Lojo, un trompetista natural da comarca do O Barbanza, formado no Conservatorio de Música Felipe Paz Carvajal de Noia e posteriormente no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Na seu currículum destaca ademais a súa labor como trompetista na Banda Municipal de Música de Boiro. De entre os compoñentes da Street Band sobresae ademais Sarunas Pupelis. Este saxofonista e clarinetista lituano actuará en A Armenteira como saxo tenor. Completan a banda Noli Torres á batería e Lolo Martínez á tuba. De novo un cartel tremendamente interesante que fará soar os instrumentos este domingo, 11 de agosto, a partires das 12:30 horas, na praza situada entre os dous locais de hostalería que existen na entrada ao adro do mosteiro de A Armenteira.


venres, 9 de agosto de 2019

Raynald Colom Quartet encabeza o elenco de artistas do sábado noite no Armenteira Jazz`2019

Para a tarde-noite do sábado o Armenteira Jazz`2019 ten reservado unha das principais atraccións deste ano. No entorno do mosteiro cisterciense, ao aire libre se as condicións meteorolóxicas o permiten, a partires das 21:00 horas, saltará ao escenario Raynald Colom Quartet. Á fronte deste grupo está Raynald Colom, considerado un dos mellores trompetistas de jazz europeos. A pesares da súa xuventude Colom ten colaborado con grandes nomes do jazz, do pop ou do flamenco como Greg Osby, Nicolas Payton, El Piraña ou Chano Domínguez. No seu haber tamén figura a participación na lexendaria xira Clandestino do coñecido cantautor franco-español Manu Chao. Ao longo da súa carreira Raynald Colom acumulou diversos premios e recoñecementos, entre eles o de mellor disco de jazz no ano 2019, que a revista Cuadernos de Jazz outorgou ao seu disco Evocación, ou tamén o premio ao mellor álbume do ano 2005 que a revista Enderrock lle entregou polo seu traballo My 51 minutes. Ademais recibiu o galardón a mellor trompetista nos anos 2001, 2002 e 2004 de parte da Asociación de Músicos de Jazz e Música Moderna de Catalunya. O Raynald Colom Quartet conta asimesmo co pianista luso Dinis Costa, formado na Escola Superior de Música de Lisboa e na Escola Secundária Sebastiao e Silva-Liceu de Oeiras. Currículum máis extenso é o que ten outra compoñente do grupo. Naima Acuña, nada en Westminster, na área metropolitana de Londres, iniciou os seus estudos na Escola Municipal de Música de A Coruña a través do Curso Avanzado de Jazz impartido por José A. Acuña. Dende os 11 anos compaxinou os seus estudos musicais avanzados con masterclasses, cursos e seminarios na prestixiosa Guildhall School of Music and Drama de Londres. É alí onde recibe formación no dominio da batería por parte de Brian Abrahams, Trevor Tompkins ou Billy Cobham. Aos 15 anos obtivo a licenciatura en Jazz Perfomance na propia Guildhall School of Music and Drama. En 2012 rematou a licenciatura no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, na especialidade de jazz. Dende moi nova ten tocado en formacións de jazz, latin ou fan e actuando en diversos teatros e salas de concertos de toda España. Pablo Patiño completa esta formación musical. Patiño é un contrabaixista e compositor galego, que na actualidade reside en Lisboa. Comezou a súa andaina no mundo da música tocando guitarra clásica. Formou parte do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e gradouse nesta especialidade na Escola Superior de Música de Lisboa. Tivo a oportunidade de tocar e gravar con personaxes como Bill McHenry, Xan Campos, Jorge Vistel, Virxilio Da Silva ou Ricardo Toscano.

Ao rematar Raynald Colom Quartet, sobre as 23:00 horas, tamén no entorno do mosteiro cisterciense de A Armenteira, terá lugar unha nova Jam Session. A execución musical correrá a cargo de Pedro Freijeiro, un guitarrista formado no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, no que continúa os seus estudos, que vai ampliando coa asistencia a clases no conservatorio Mayeusis de Vigo. Xunto a el estará Brais Lorenzo, un percusionista natural de Ponteareas, pero residente en Barcelona, que estudiou Batería no Centro de Música Moderna da súa vila natal, formación que completou no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra ou cos estudos de Batería Jazz no Esmuch Jazz i Música Moderna de Barcelona. No seu currículum tamén figuran o traballo como percusionista na Banda de Música Popular de Rubiós de As Neves ou como batería en La Banda de Mazinger.  Finalmente, contará tamén coa presenza do contrabaixista Gabriel Casio.






Principio del formulario


A Taberna Rural Carballo de Prado estréase este sábado no Armenteira Jazz con Maikel Vistel como cabeza de cartel

O Armenteira Jazz`2019 estrea este sábado un novo escenario. Un local de recente apertura, a Taberna Rural Carballo de Prado acolle na xornada matinal unha nova actuación do festival insignia de A Armenteira. No cartel figuran artistas do nivel de Maikel Vistel, un trompetista cubano, graduado na Escuela Nacional de Arte de La Habana, onde obtivo o título de instrumentista-profesor de saxofón e práctica de conxunto. Con tan só 16 anos pasou a ocupar o posto de director musical de Habana Latin Millenium. En Cuba gañou dúas edicións do Festival Jo Jazz na categoría de instrumentista, composición e grupo. En 2003 logrou o primeiro premio no Festival Juvenil de Jazz de Cuba e en 2006 realizou unha xira por Italia como músico dunha compañía de danza afrocubana. Formou parte durante cinco anos da exitosa agrupación portorriqueña Calle 13, gañadora de dezanove premios Grammy Latinos en 2011 e cinco en 2014, encargárdose das tarefas de saxofonista, arreglista e director da sección de metais. Compartiu escenario con grandes músicos como Joe Lovano, Steve Coleman, Javier Colina ou o mesmo Paco Charlín. Tampouco é descoñecido no mundo das verbenas populares de Galicia, pois na actualidade actúa como saxofonista na orquestra La Ola ADN. Acompañándoo, á guitarra, estará Nacho Pérez. Este músico diplomado no Seminario Internacional de Jazz de Zarautz e que recibiu masterclasses de John Scofield, Kurt Rosenwinkel ou Horacio Fumero actualmente integrante de varias formacións musicais nas que toca propios, temas para animación infantil ou música á carta para eventos. Completa o elenco de artistas o contrabaixo Alberto Rial. Trátase dun músico formado no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e que reside no municipio veciño de A Illa de Arousa. Outro cartel máis ca interesante que se poderá contemplar a partires das 13:30 horas na Taberna Rural Carballo de Prado, no lugar de Valboa.





xoves, 8 de agosto de 2019

Xosé Miguélez, Max Gómez, Jordi Gaspar e unha Jam Session para completar o venres do Armenteira Jazz

Se a voz de Rubén Fernández é un gran aliciente para asistir este venres ao Armenteira Jazz, non o son menos o equipo de músicos que o acompañan en Ombra de Lúa, nin tampoco os que actuarán na Jam Session coa que se pechará a xornada. Entre eles está Xosé Miguélez, considerado un dos saxofonistas de jazz máis destacados da puxante nova xeración de músicos galegos. Cun máster en jazz perfomance na Guildhall School of Music de Londres e cunha licenciatura tamén en jazz pola Esmae da cidade portuguesa de Porto, conta cunha sólida formación musical que plasmou no seu proxecto máis recente, ao que titulou Ontology, presentado na sala Blue Room do American Jazz Museum de Kansas City. Actualmente imparte clases de música tradicional galega e de iniciación ao jazz no Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Xunto a el estará Max Gómez, un músico catalán, moi activo no mundo do jazz galego, que estudou en Cangas do Morrazo, Santiago de Compostela e Pontevedra, e que nos fará gozar coa súa pericia á batería. Finalmente, en Ombra da Lúa destaca tamén a presenza de Jordi Gaspar, un músico, baixista e compositor barcelonés que na actualidade é director pedagóxico e profesor de baixo, contrabaixo, conxunto musical e improvisación na Escola Superior de Estudios Musicais do Taller de Músics. Trátase dun artista con carácter ecléctico, que tamén participou en creacións doutros estilos como o flamenco, nas que compartiu proxectos con figuras como Martirio ou Miguel Poveda, ou  da canción lixeira, nas que traballou artistas como Joan Manuel Serrat, Rumba 3, María del Mar Bonet, Lucho Gatica ou Renato Carossone, entre outros. O programa musical da xornada complétase coa Jam Session, na que sobresae a actuación de  Ana Sanabria á batería. Esta artista galega, que debutou no Festival Monkey Week de Sevilla en 2018, segue formándose nas aulas no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e ten asistido a clases maxistrais de grandes baterías como Yissy García. Un magnífico elenco musical que non convén perder e que nos deleitará este venres, 9 de agosto, a partires das 21:30 horas, no entorno do mosteiro cisterciense de A Armenteira.


A voz de Rubén Fernández, con Ombra de Lúa, este venres no Armenteira Jazz

Este venres o jazz continúa soando en A Armenteira. O IV Festival Armenteira Jazz trasládase ao seu escenario máis habitual: o entorno do mosteiro cisterciense. É alí onde a organización ten instalado un palco dende fai uns días e onde as terrazas dos locais de hostelería da zona están xa preparadas para recibir á numerosa afluencia de visitantes que se agardan. O programa abrirase coa actuación de Ombra de Lúa, unha formación musical na que destaca a presenza como vocalista de Rubén Fernández. Este músico vigués, aínda que afincado en Barcelona, iniciouse no mundo da música de forma autodidacta. Primeiro como guitarrista, despois como vocalista e máis tarde como batería da os primeiros pasos nesta disciplina ata que, con 18 anos, se matricula na escola municipal da cidade olívica para estudar trompeta. Nese momento comeza a súa relación co jazz, polo que vai mostrando  cada vez maior interese, feito que motiva o seu traslado a Barcelona para mellorar a súa formación como cantante e como batería. A partires de entón a súa carreira musical comeza a ascender e logra entrar na Escola Superior de Música de Cataluña e asiste a masterclases con artistas de talla internacional como Chris Cheek, Alessandra Patrucco, Ed Shop, Jerry Bengonzi ou Stefan Karlsson. En 2013 recibe o premio ao mellor disco de ano que outorga a Asociación de Músicos de Jazz e Música Moderna de Cataluña. Cunha extensa experiencia como intérprete, Rubén Fernández ten actuado en salas de tanta tradición como Jamboree, Luz de Gas, ambas as dúas en Barcelona, ou Capitol, en Santiago de Compostela. Como docente, actualmente exerce como profesor de voz no Taller de Músics da cidade condal. Sen dúbida, unha das mellores voces do panorama do jazz en España, da que poderemos disfrutar este venres, 9 de agosto, a partires das 21:30 horas, no entorno do mosteiro de A Armenteira.

mércores, 7 de agosto de 2019

Terela Gradín e Luis Giménez, un cartel de luxo para comezar

Os ritmos musicais do jazz volverán soar en A Armenteira a partires deste xoves coa cuarta edición do Armenteira Jazz. E para comezar a organización decidiu apostar por un cartel que calquera experto neste xénero de seguro consideraría como de luxo. Terela Gradín, á voz, e Luis Giménez, á guitarra, compoñen o dúo musical que dará por inaugurada a cuarta edición dun festival que se prolongará ata o domingo, 11 de agosto. Nada en Santiago de Compostela, Terela Gradín é unha das jazzistas máis recoñecidas a nivel estatal. Esta cantante e compositora iniciouse no mundo da música recibindo clases de canto no Estudio Escola de Música da capital compostelá. En 2001 foi elixida por este centro de estudos para participar no XII Jazz Meeting da IASJ no Berklee College of Music, en Boston, e no XIII Jazz Meeting da IASJ, en Helsinki, no ano seguinte. Á súa volta continuou a súa formación no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, onde coincidiu con músicos da talla de Abe Rábade ou Paco Charlín. En 2005 trasladouse a Pamplona para estudar a especialidade de canto-jazz no Conservatorio Superior de Música de Navarra, logrando o premio fin de carreira en 2009. En 2006 gravou, xunto a Manuel Gutiérrez, o seu primeiro disco, ao que deu por título Lost. A súa consolidación no panorama do jazz chegou con creacións discográficas como Pascala e Noise, que enriqueceron un currículum artístico no que tamén figuran colaboracións con GEM Trío, con Marcelo Escrich Silent Trío,  con The Good Time Rollers, con Gradus Jazz, con Jorge Garrido Trío,  co Proxecto Miño de Baldo Martínez, coa Orquestra de Jazz de Galicia no Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons ou coa Pirineos Jazz Orchest. Xunto a ela actuará Luis Giménez, un guitarrista e compositor zaragozano que comezou a súa formación no Taller de Músicos de Madrid, e que en 1994 se desprazou a Boston, onde se licencia cun laude no Berklee College of Music. En 1997 regresou a España e dende entón participou en numerosos festivais, como o de Donostia, o de Zaragoza, Salamanca, Xixón ou o de Oviedo, así como nos máis prestixiosos clubes de jazz con músicos e formacións como a Pirineos Jazz OrchestChriss Higgins, Abe Rábade, Paco Charlín, Gonzalo Del Val, Iñaki Askunce, Terela Gradín, Marcelo Escrich, Javier Garayalde ou Mikel Andueza. Desde 2001 imparte clases de Guitarra Jazz no Conservatorio Superior de Música de Navarra, actividade que compaxina coa participación en numerosos clínics e seminarios. Terela Gradín e Luis Giménez, sen dúdida un cartel de luxo, que se poderá contemplar este xoves, 8 de agosto, a partires das 22:00 horas, na Tapería A Peneira, en Cabeza de Boi. Trátase dunha cita ineludible para os amantes da combinación de boa música e gastronomía, e para a que dende este establecemento hosteleiro se recomenda reservar mesa.



Armenteira, con alma de jazz

Nova Orleáns, Estado de Luisiana, segunda metade do século XIX. Masas e masas de escravos de cor, procedentes na súa maioría da costa occidental de África, a denominada Costa de Marfil, arrivaban nesta zona do sur dos Estados Unidos para traballar nas grandes explotacións agrarias que alí existían. Da fusión das tradicións culturais e musicais de orixe europeo e norteamericano coas de África Occidental xurdiu un novo xénero. Ese non era outro que o jazz, un estilo musical que pouco a pouco se foi expandindo polo norte de América e que décadas despois cruzaría o Océano Atlántico para chegar a Europa. Trátase dun estilo caracterizado pola improvisación, pero unha improvisación dentro dunha orde. O músico debe coñecer a estrutura harmónica da peza musical, e a partires desta vai improvisando. Xiros, ideas melódicas ou cambios rítmicos son distintos en cada intérprete, o que lle da un carácter propio e persoal a cada actuación. Por este motivo hai expertos que afirman que no jazz o elemental non é o o que di a música, senón como se di. Xunto á improvisación outro rasgo peculiar do jazz é o swing, é dicir, a maneira de tratar o ritmo, e que busca sempre un efecto de balanceo moi bailable. O intento de atopar un son orixinal e particular en cada instrumento e o variado repertorio de recursos vogais son outros elementos básicos dun estilo que sempre procura acadar a maior expresividade nas súas interpretacións. 

Aproximadamente século e medio despois e a máis de 7.000 quilómetros de distancia, o jazz atopou un novo fogar. Catro anos pasaron xa dende que o Armenteira Jazz botara a andar. O amor pola música, a devoción por un entorno tan fermoso e envolvente como A Armenteira e o traballo incansable da Asociación Terras Altas do Salnés fan posible que a partires deste xoves, 8 de agosto, este festival viva unha nova edición. Un dos máximos responsables do éxito e do continuo crecemento do Armenteira Jazz é Paco Charlín. Natural de Vilanova de Arousa, pero afincado no lugar de Silván, na parte desta aldea que pertence a Armenteira, Paco é un dos grandes referentes do jazz no noso país. Paco comezou a formarse como músico na comarca de O Salnés, estudos que continuaría en diversas escolas musicais de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, antes de trasladarse a Tel-Aviv, en Israel, e Copenhaguen, en Dinamarca, e finalmente aos Estados Unidos, onde se graduaría en Bachelor of Music Degree in Jazz Composition and Bass Perfomance na Berklee College of Music, de Boston, no Estado de Massachusets. Na actualidade é un músico activo, que toca, compón e ensina, e que dende o ano 2000 está á fronte do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Conta ademais co seu propio selo discográfico: Free Code Records. E, como cada verán, da man de Paco Charlín, da Asociación Terras Altas do Salnés e do seu amplo equipo de colaboradores, o jazz volverá a soar en A Armenteira. A partires deste xoves, 8 de agosto, este estilo tomará as súas terras, as súas xentes, a súa paisaxe ou mesmo cada unha das pedras dun dos conxuntos arquitectónicos máis famosos e visitados de Galicia. Porque durante os próximos catro días, a modo de pequena Nova Orleáns, A Armenteira convertirase nun dos principais referentes no mundo da música e demostrará que inconfundiblemente ten alma de jazz.








luns, 5 de agosto de 2019

O dron da Mancomunidade prepárase para actuar nun niño de velutina na Ruta de Pedra e da Auga

A praga de avespa velutina estase convertendo nunha verdadeira ameaza na comarca de O Salnés e en toda Galicia en xeral. A Mancomunidade do Salnés conta cun equipo adicado á loita contra a expansión desta expecie invasora. Ata o de agora a entidade supramunicipal só dispoñía dun camión grúa equipado cunha pluma que alcalza os 34 metros, que non son suficientes en todas as situacións. Noutras ocasións, se o niño de velutina se atopa preto, recúrrese a escopetas con bolas de paintball cheas de insecticida. Pero noutros casos ningunha destas estratexias é a axeitada. Por este motivo, nos últimos meses a institución que segue presidindo Gonzalo Durán desenvolveu novas armas coas que enfrontarse á vespa asiática. O avance máis novidoso é un dron, que foi probado a pasada semana no lugar de Silván, e que está provisto dunha cámara, de mira láser e dun fusil, todo elo manexado a control remoto. Este aparello permite acceder a colmenas situadas a gran altura ou en lugares aos que é moi difícil achegarse. Non moi lonxe de Silván, no veciño lugar de Couso, tamén na parroquia de A Armenteira, foi detectado un niño desta especie tan perigosa para o noso ecosistema. Sobre as ramas dun ameneiro, a uns dez menos de altura, e ao pé do Río Armenteira, en plena Ruta da Pedra e da Auga, o acceso a este espazo resulta compricado. Un camiño empinado e cunha forte pendente conduce dende o núcleo de As Pedras ata aos antigos campos do Batán Vello, dominados agora polas silveiras, onde as avespas asiáticas decidiron establecer o seu fogar. Avisado o Concello de Meis e alertado o servizo de loita contra a velutina, nos próximos días un dron desprazarase ata Couso para acometer tan complexa labor. A expectación é máxima entre unha veciñanza tremendamente concienciada ante o perigo que supón esta praga e que nos últimos tempos se afana en colocar trampas para capturar aos individuos desta especie que abandonan as colmenas e merodean as proximidades das vivendas na procura de alimento.




A exposición da enquisa de bases da reestruturación parcelaria en A Armenteira chega á súa fin

A exposición da enquisa de bases do proceso de reestruturación parcelaria das zonas correspondentes ás parroquias de San Martiño e A Armenteira chega esta semana á súa fin. Dende o 22 de xullo estableceuse un punto de atención na Casa de Cultura, o Local Social de Vilar, situado no andar superior do albergue de peregrinos, no cal persoal da empresa encargada de levar a cabo este proceso, Eido Ingenieros, veu entregado os boletíns aos vecinos e veciñas, ademais de resolver dúbidas e asesorar e recoller as alegacións do proceso que antigamente se coñecía como a concentración parcelaria. A afluencia foi masiva, especialmente durante os primeiros días, tanto para consultar os planos que se colocaron polas paredes do local como para dirixirse á mesa que foi instalada aproveitando o modesto mobiliario do que existe no centro veciñal. Tamén foi frecuente a consulta dos planos, principalmente o realizado en forma de ortofoto, a través da páxina web da Consellería de Medio Rural, onde se pode contemplar con gran detalle a división e a numeración dunhas parcelas que foron catalogadas fai máis dunha década. Tras esta fase pasarase á de acordo, na que se procederá á unificación das propiedades e a configuración da nova estrutura parcelaria. Pero de momento, os veciños e veciñas máis rezagados aínda teñen tempo de consultar o estado do proceso este martes, 6 de agosto, e este mércores, 7 de agosto, en horario de 10:00 a 14:00 horas en horario de mañá, e de 15:30 a 18:30 horas en horario de tarde.