A cuarta edición do Armenteira Jazz pon o seu peche este domingo, 11 de agosto, coa sesión nocturna que correrá a cargo de ADN Cuarteto, un grupo de recoñecido prestixio no panorama jazzístico, e que conta con figuras como José Nine, Antonio Bravo, Lar Legido e Rafa Morales. José Nine é un músico galego que estudou nos conservatorios de A Coruña e de Santiago de Compostela. Pasou por varios seminarios, como o seminario da International Asotiation of School of Jazz, no Conservatorio de A Haia. Participou tamén nunha estancia no Park Music Centre de Dublín. Na súa traxectoria musical ten formado parte de grupos de diferentes estilos como o jazz, o rock, o flamenco, o blues ou o folk, tocando xunto a músicos tan recoñecidos como Víctor Aneiros ou Xosé Manuel Budiño. É ademais docente, e impartiu clases no Seminario de Jazz e Música Modernal de Burela ou unha masterclass, con ensaio e concerto no día europeo da música en 2009, compartindo escenario coa Banda Municipal de Música de Silleda. Dentro da súa discografía destacan obras como Naviegos, os outros arrianos, con ADN Cuarteto, ou Zume de terra e A Galicia vente xa, con Xosé Manuel Budiño. Ao seu carón estará o guitarrista Antonio Bravo. Bravo naceu en Riveira, aínda que reside en Madrid dende 1993. Trátase dun músico cunha longa e ampla carreira, adicada tanto ao ensino como aos seus propios proxectos, entre os que destaca a participación no dúo La Brigada Bravo&Díaz, co que en 2008 grabou o disco Músicas populares da Guerra Civil. Tamén colaborou con OH Trío, con Antonio Bravo Tangentes, coa Orquesta FOCO, con Inner Tango Quinteto ou con Ricardo Tejero Ensamble Progresivo Spain. ADN Cuarteto conta tamén con Luis Alberto Rodríguez Legido, musicalmente coñecido como LAR Legido. Este músico, investigador sonoro e profesor de batería naceu en Castromonte, na provincia de Valladolid, e actualmente dá clases de expresión rítmica e improvisación na Escola-Estudio de Música, en Santiago de Compostela. Na súa traxectoria destaca o paso polo Taller de Músicos e polo CEDI, ambos os dous centros situados en Madrid, nos que realizou estudos sobre análise da son, fisioloxía do oído, orixe da linguaxe, da arte e da ciencia do século XX e tamén sobre teoría da improvisación. En 1998 trasladouse a Santiago de Compostela para entrar como profesor titular da Estudio-Escola de Música e, ese mesmo ano recibiu unha bolsa de estudos do Berkelee College of Music de Boston para facer un curso de Word Percussion e foi seleccionado para o X Jazz Meeting, organizado pola International Asotiation of Schools of Jazz. En anos posteriores traballou con artistas como Xosé Manuel Budiño ou Mercedes Peón ou con formacións como Abe Rábade Trío. Sempre aberto a participar en iniciativas artísticas traballou a improvisación idiomática co trío de jazz Sumrrá, con grupos como Marful, co grupo de flamenco do guitarrista Marcos Teira ou xunto ao saxofón alto Pablo Sax e mesmo coa Orquestra de Música Espontánea de Galicia. Finalmente, completa o ADN Cuarteto Rafa Morales, un músico que posúe unha titulación superior polo Conservatorio de Ámsterdam, na especialidade de baixo eléctrico. Tocou en numerosos proxectos, entre os que sobresaen os que realizou con Yuri Honing Wired Paradise, con State of Monc, con Jamal Thomas Band, con Junghyung An Quintet ou con Erik Ritfeld Unit. Con estes ou con outros grupos actúa en salas e festivales de distintos países europeos ou dos Estados Unidos. Como docente traballou en escolas privadas de Holanda e no XI Seminario de Improvisación de Pola de Siero, en Asturias, no ano 2014. A actuación de ADN Cuarteto será, sen dúbida o mellor colofón a un festival que durante catros días volveu traer a A Armenteira e ao Concello de Meis a figuras destacadas do mundo do jazz, tanto a nivel estatal como internacional. Un evento xa plenamente consolidado, grazas ao inmenso traballo da organización capitaneada pola Asociación Terras Altas do Salnés, e que este ano pechará o telón coa sesión que se iniciará a partires das 21.00 horas no escenario instalado na praza ubicada entre o Bar Restaurante A`Fonte e o Café Bar O´Comercio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario