Buscar neste blog

xoves, 8 de agosto de 2019

A voz de Rubén Fernández, con Ombra de Lúa, este venres no Armenteira Jazz

Este venres o jazz continúa soando en A Armenteira. O IV Festival Armenteira Jazz trasládase ao seu escenario máis habitual: o entorno do mosteiro cisterciense. É alí onde a organización ten instalado un palco dende fai uns días e onde as terrazas dos locais de hostelería da zona están xa preparadas para recibir á numerosa afluencia de visitantes que se agardan. O programa abrirase coa actuación de Ombra de Lúa, unha formación musical na que destaca a presenza como vocalista de Rubén Fernández. Este músico vigués, aínda que afincado en Barcelona, iniciouse no mundo da música de forma autodidacta. Primeiro como guitarrista, despois como vocalista e máis tarde como batería da os primeiros pasos nesta disciplina ata que, con 18 anos, se matricula na escola municipal da cidade olívica para estudar trompeta. Nese momento comeza a súa relación co jazz, polo que vai mostrando  cada vez maior interese, feito que motiva o seu traslado a Barcelona para mellorar a súa formación como cantante e como batería. A partires de entón a súa carreira musical comeza a ascender e logra entrar na Escola Superior de Música de Cataluña e asiste a masterclases con artistas de talla internacional como Chris Cheek, Alessandra Patrucco, Ed Shop, Jerry Bengonzi ou Stefan Karlsson. En 2013 recibe o premio ao mellor disco de ano que outorga a Asociación de Músicos de Jazz e Música Moderna de Cataluña. Cunha extensa experiencia como intérprete, Rubén Fernández ten actuado en salas de tanta tradición como Jamboree, Luz de Gas, ambas as dúas en Barcelona, ou Capitol, en Santiago de Compostela. Como docente, actualmente exerce como profesor de voz no Taller de Músics da cidade condal. Sen dúbida, unha das mellores voces do panorama do jazz en España, da que poderemos disfrutar este venres, 9 de agosto, a partires das 21:30 horas, no entorno do mosteiro de A Armenteira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario