As festas de verán de A Armenteira terán este ano un protagonista especial, ou máis exactamente dous, Miguel Rodiño e Pepe Maquieira, compoñentes do popular conxunto musical Dúo Perlas, que serán a gran atracción das celebracións na honra de San Ero e da Divina Pastora. Tras finalizar o ciclo da Xunta Directiva da Comisión de Festas O´Noso e sen confirmar aínda as persoas que tomarán o relevo, un grupo de veciños e veciñas da parroquia mobilizouse para tratar de manter unha tradición que nesta ocasión corría serio perigo de non repetirse. Baixo o patrocinio dalgúns dos locais de hostalería de A Armenteira, como o Café Bar O`Comercio, o Bar Restaurante A´Fonte ou a Taberna Rural Carballo de Prado, xunto coa agrupación de electores Independientes por Meis, que vén de presentarse ás eleccións municipais do pasado mes de maio, o ambiente festivo en forma de verbena non se perderá este ano. O sábado, 31 de agosto, a partires das 22:30 horas, na denominada Praza de Vilar, a que se atopa na entrada ao adro do mosteiro cirterciense, Dúo Perlas, o coñecido grupo musical composto por dous veciños da parroquia, fará vibrar ao público cos seus animados ritmos. Ao día seguinte, o domingo, 1 de setembro, a partires das 13:30 horas, na Taberna Rural Carballo de Prado, no lugar de Valboa, unha actuación musical encargarase de amenizar a sesión vermouth. Un mes despois da exitosa celebración do Armenteira Jazz a música non quere faltar a esta cita anual con A Armenteira e coa súa xente á espera de que un novo equipo directivo se poña á fronte da Comisión de Festas O`Noso de cara ao ano 2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario