Buscar neste blog

mércores, 7 de agosto de 2019

Terela Gradín e Luis Giménez, un cartel de luxo para comezar

Os ritmos musicais do jazz volverán soar en A Armenteira a partires deste xoves coa cuarta edición do Armenteira Jazz. E para comezar a organización decidiu apostar por un cartel que calquera experto neste xénero de seguro consideraría como de luxo. Terela Gradín, á voz, e Luis Giménez, á guitarra, compoñen o dúo musical que dará por inaugurada a cuarta edición dun festival que se prolongará ata o domingo, 11 de agosto. Nada en Santiago de Compostela, Terela Gradín é unha das jazzistas máis recoñecidas a nivel estatal. Esta cantante e compositora iniciouse no mundo da música recibindo clases de canto no Estudio Escola de Música da capital compostelá. En 2001 foi elixida por este centro de estudos para participar no XII Jazz Meeting da IASJ no Berklee College of Music, en Boston, e no XIII Jazz Meeting da IASJ, en Helsinki, no ano seguinte. Á súa volta continuou a súa formación no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, onde coincidiu con músicos da talla de Abe Rábade ou Paco Charlín. En 2005 trasladouse a Pamplona para estudar a especialidade de canto-jazz no Conservatorio Superior de Música de Navarra, logrando o premio fin de carreira en 2009. En 2006 gravou, xunto a Manuel Gutiérrez, o seu primeiro disco, ao que deu por título Lost. A súa consolidación no panorama do jazz chegou con creacións discográficas como Pascala e Noise, que enriqueceron un currículum artístico no que tamén figuran colaboracións con GEM Trío, con Marcelo Escrich Silent Trío,  con The Good Time Rollers, con Gradus Jazz, con Jorge Garrido Trío,  co Proxecto Miño de Baldo Martínez, coa Orquestra de Jazz de Galicia no Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons ou coa Pirineos Jazz Orchest. Xunto a ela actuará Luis Giménez, un guitarrista e compositor zaragozano que comezou a súa formación no Taller de Músicos de Madrid, e que en 1994 se desprazou a Boston, onde se licencia cun laude no Berklee College of Music. En 1997 regresou a España e dende entón participou en numerosos festivais, como o de Donostia, o de Zaragoza, Salamanca, Xixón ou o de Oviedo, así como nos máis prestixiosos clubes de jazz con músicos e formacións como a Pirineos Jazz OrchestChriss Higgins, Abe Rábade, Paco Charlín, Gonzalo Del Val, Iñaki Askunce, Terela Gradín, Marcelo Escrich, Javier Garayalde ou Mikel Andueza. Desde 2001 imparte clases de Guitarra Jazz no Conservatorio Superior de Música de Navarra, actividade que compaxina coa participación en numerosos clínics e seminarios. Terela Gradín e Luis Giménez, sen dúdida un cartel de luxo, que se poderá contemplar este xoves, 8 de agosto, a partires das 22:00 horas, na Tapería A Peneira, en Cabeza de Boi. Trátase dunha cita ineludible para os amantes da combinación de boa música e gastronomía, e para a que dende este establecemento hosteleiro se recomenda reservar mesa.



Ningún comentario:

Publicar un comentario