Para a tarde-noite do sábado o Armenteira Jazz`2019 ten reservado unha das principais atraccións deste ano. No entorno do mosteiro cisterciense, ao aire libre se as condicións meteorolóxicas o permiten, a partires das 21:00 horas, saltará ao escenario Raynald Colom Quartet. Á fronte deste grupo está Raynald Colom, considerado un dos mellores trompetistas de jazz europeos. A pesares da súa xuventude Colom ten colaborado con grandes nomes do jazz, do pop ou do flamenco como Greg Osby, Nicolas Payton, El Piraña ou Chano Domínguez. No seu haber tamén figura a participación na lexendaria xira Clandestino do coñecido cantautor franco-español Manu Chao. Ao longo da súa carreira Raynald Colom acumulou diversos premios e recoñecementos, entre eles o de mellor disco de jazz no ano 2019, que a revista Cuadernos de Jazz outorgou ao seu disco Evocación, ou tamén o premio ao mellor álbume do ano 2005 que a revista Enderrock lle entregou polo seu traballo My 51 minutes. Ademais recibiu o galardón a mellor trompetista nos anos 2001, 2002 e 2004 de parte da Asociación de Músicos de Jazz e Música Moderna de Catalunya. O Raynald Colom Quartet conta asimesmo co pianista luso Dinis Costa, formado na Escola Superior de Música de Lisboa e na Escola Secundária Sebastiao e Silva-Liceu de Oeiras. Currículum máis extenso é o que ten outra compoñente do grupo. Naima Acuña, nada en Westminster, na área metropolitana de Londres, iniciou os seus estudos na Escola Municipal de Música de A Coruña a través do Curso Avanzado de Jazz impartido por José A. Acuña. Dende os 11 anos compaxinou os seus estudos musicais avanzados con masterclasses, cursos e seminarios na prestixiosa Guildhall School of Music and Drama de Londres. É alí onde recibe formación no dominio da batería por parte de Brian Abrahams, Trevor Tompkins ou Billy Cobham. Aos 15 anos obtivo a licenciatura en Jazz Perfomance na propia Guildhall School of Music and Drama. En 2012 rematou a licenciatura no Conservatorio Superior de Música de A Coruña, na especialidade de jazz. Dende moi nova ten tocado en formacións de jazz, latin ou fan e actuando en diversos teatros e salas de concertos de toda España. Pablo Patiño completa esta formación musical. Patiño é un contrabaixista e compositor galego, que na actualidade reside en Lisboa. Comezou a súa andaina no mundo da música tocando guitarra clásica. Formou parte do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e gradouse nesta especialidade na Escola Superior de Música de Lisboa. Tivo a oportunidade de tocar e gravar con personaxes como Bill McHenry, Xan Campos, Jorge Vistel, Virxilio Da Silva ou Ricardo Toscano.
Ao rematar Raynald Colom Quartet, sobre as 23:00 horas, tamén no entorno do mosteiro cisterciense de A Armenteira, terá lugar unha nova Jam Session. A execución musical correrá a cargo de Pedro Freijeiro, un guitarrista formado no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, no que continúa os seus estudos, que vai ampliando coa asistencia a clases no conservatorio Mayeusis de Vigo. Xunto a el estará Brais Lorenzo, un percusionista natural de Ponteareas, pero residente en Barcelona, que estudiou Batería no Centro de Música Moderna da súa vila natal, formación que completou no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra ou cos estudos de Batería Jazz no Esmuch Jazz i Música Moderna de Barcelona. No seu currículum tamén figuran o traballo como percusionista na Banda de Música Popular de Rubiós de As Neves ou como batería en La Banda de Mazinger. Finalmente, contará tamén coa presenza do contrabaixista Gabriel Casio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario