Buscar neste blog

mércores, 7 de agosto de 2019

Armenteira, con alma de jazz

Nova Orleáns, Estado de Luisiana, segunda metade do século XIX. Masas e masas de escravos de cor, procedentes na súa maioría da costa occidental de África, a denominada Costa de Marfil, arrivaban nesta zona do sur dos Estados Unidos para traballar nas grandes explotacións agrarias que alí existían. Da fusión das tradicións culturais e musicais de orixe europeo e norteamericano coas de África Occidental xurdiu un novo xénero. Ese non era outro que o jazz, un estilo musical que pouco a pouco se foi expandindo polo norte de América e que décadas despois cruzaría o Océano Atlántico para chegar a Europa. Trátase dun estilo caracterizado pola improvisación, pero unha improvisación dentro dunha orde. O músico debe coñecer a estrutura harmónica da peza musical, e a partires desta vai improvisando. Xiros, ideas melódicas ou cambios rítmicos son distintos en cada intérprete, o que lle da un carácter propio e persoal a cada actuación. Por este motivo hai expertos que afirman que no jazz o elemental non é o o que di a música, senón como se di. Xunto á improvisación outro rasgo peculiar do jazz é o swing, é dicir, a maneira de tratar o ritmo, e que busca sempre un efecto de balanceo moi bailable. O intento de atopar un son orixinal e particular en cada instrumento e o variado repertorio de recursos vogais son outros elementos básicos dun estilo que sempre procura acadar a maior expresividade nas súas interpretacións. 

Aproximadamente século e medio despois e a máis de 7.000 quilómetros de distancia, o jazz atopou un novo fogar. Catro anos pasaron xa dende que o Armenteira Jazz botara a andar. O amor pola música, a devoción por un entorno tan fermoso e envolvente como A Armenteira e o traballo incansable da Asociación Terras Altas do Salnés fan posible que a partires deste xoves, 8 de agosto, este festival viva unha nova edición. Un dos máximos responsables do éxito e do continuo crecemento do Armenteira Jazz é Paco Charlín. Natural de Vilanova de Arousa, pero afincado no lugar de Silván, na parte desta aldea que pertence a Armenteira, Paco é un dos grandes referentes do jazz no noso país. Paco comezou a formarse como músico na comarca de O Salnés, estudos que continuaría en diversas escolas musicais de Santiago de Compostela, Pontevedra e Vigo, antes de trasladarse a Tel-Aviv, en Israel, e Copenhaguen, en Dinamarca, e finalmente aos Estados Unidos, onde se graduaría en Bachelor of Music Degree in Jazz Composition and Bass Perfomance na Berklee College of Music, de Boston, no Estado de Massachusets. Na actualidade é un músico activo, que toca, compón e ensina, e que dende o ano 2000 está á fronte do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Conta ademais co seu propio selo discográfico: Free Code Records. E, como cada verán, da man de Paco Charlín, da Asociación Terras Altas do Salnés e do seu amplo equipo de colaboradores, o jazz volverá a soar en A Armenteira. A partires deste xoves, 8 de agosto, este estilo tomará as súas terras, as súas xentes, a súa paisaxe ou mesmo cada unha das pedras dun dos conxuntos arquitectónicos máis famosos e visitados de Galicia. Porque durante os próximos catro días, a modo de pequena Nova Orleáns, A Armenteira convertirase nun dos principais referentes no mundo da música e demostrará que inconfundiblemente ten alma de jazz.








Ningún comentario:

Publicar un comentario