Buscar neste blog

xoves, 8 de agosto de 2019

Xosé Miguélez, Max Gómez, Jordi Gaspar e unha Jam Session para completar o venres do Armenteira Jazz

Se a voz de Rubén Fernández é un gran aliciente para asistir este venres ao Armenteira Jazz, non o son menos o equipo de músicos que o acompañan en Ombra de Lúa, nin tampoco os que actuarán na Jam Session coa que se pechará a xornada. Entre eles está Xosé Miguélez, considerado un dos saxofonistas de jazz máis destacados da puxante nova xeración de músicos galegos. Cun máster en jazz perfomance na Guildhall School of Music de Londres e cunha licenciatura tamén en jazz pola Esmae da cidade portuguesa de Porto, conta cunha sólida formación musical que plasmou no seu proxecto máis recente, ao que titulou Ontology, presentado na sala Blue Room do American Jazz Museum de Kansas City. Actualmente imparte clases de música tradicional galega e de iniciación ao jazz no Conservatorio Profesional de Música de Vigo. Xunto a el estará Max Gómez, un músico catalán, moi activo no mundo do jazz galego, que estudou en Cangas do Morrazo, Santiago de Compostela e Pontevedra, e que nos fará gozar coa súa pericia á batería. Finalmente, en Ombra da Lúa destaca tamén a presenza de Jordi Gaspar, un músico, baixista e compositor barcelonés que na actualidade é director pedagóxico e profesor de baixo, contrabaixo, conxunto musical e improvisación na Escola Superior de Estudios Musicais do Taller de Músics. Trátase dun artista con carácter ecléctico, que tamén participou en creacións doutros estilos como o flamenco, nas que compartiu proxectos con figuras como Martirio ou Miguel Poveda, ou  da canción lixeira, nas que traballou artistas como Joan Manuel Serrat, Rumba 3, María del Mar Bonet, Lucho Gatica ou Renato Carossone, entre outros. O programa musical da xornada complétase coa Jam Session, na que sobresae a actuación de  Ana Sanabria á batería. Esta artista galega, que debutou no Festival Monkey Week de Sevilla en 2018, segue formándose nas aulas no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e ten asistido a clases maxistrais de grandes baterías como Yissy García. Un magnífico elenco musical que non convén perder e que nos deleitará este venres, 9 de agosto, a partires das 21:30 horas, no entorno do mosteiro cisterciense de A Armenteira.


Ningún comentario:

Publicar un comentario