Buscar neste blog

venres, 16 de agosto de 2019

O fútbol dende a diáspora

Nunha historia relativamente curta como é a do Armenteira C.F., e nun clube tan humilde e modesto como este, hai xogadores que se pode dicir que marcaron unha época. José Pérez, Martín Casais ou Jorge Castro, actualmente no Armenteira Veteranos, iniciaron a súa traxectoria como futbolistas aló por 1995, cando Julio Serén puxo a rodar na competición oficial á entidade verdinegra. Tras un longo percorrido polas categorías de fútbol base retomarían a súa relación co clube de O Leixo en 2005 coa creación dun equipo sénior, no que se mantiveron ata 2009, cando este abandonou a liga da Terceira autonómica. Na actualidade colman as súas ansias de disfrutar deste deporte nas filas do Armenteira Veteranos. Nas categorías de formación do Armenteira C.F. tamén hai futbolistas cun extenso periplo. Xoán, Sergio Casal, Migui ou Íñigo comezaron a súa carreira no mundo do balompé nun equipo prebenxamín aló por 2010. Os tres primeiros, por diversos motivos, decidiron deixar o clube ou víronse na obriga de facelo ao rematar a temporada 2017/2018. Mentres, Íñigo permaneceu no equipo infantil, único da base do Armenteira C.F. que resistiu na campaña 2018/2019, sendo un dos grandes referentes dun conxunto que sumaría un novo éxito para o meritorio palmarés da entidade: o campionato de liga do grupo 62 da Segunda autonómica infantil. Con nove temporadas no Armenteira C.F., Íñigo era o máis veterano daquel equipo, pero tamén había outros rapaces cunha longa vinculación ás cores verdes e negras, como Manu Meixús con sete e Álex Grigorio con seis. Esta temporada todos eles iniciarán unha nova etapa. Mentres algúns aínda non aclararon o seu destino, Íñigo e Manu Meixús tomaron rumbo a Cambados para probar fortuna no clube da vila do albariño. Con apenas unha semana no C. Juventud Cambados este xoves, 15 de agosto, disputaron o primeiro partido da pretemporada. O rival era nin máis nin menos que o Umia C.F. No conxunto cambadés figuraba tamén Dani Dadín, un rapaz de A Armenteira, do lugar de Couso, ao igual que Íñigo e Manu Meixús, que formara parte daquela xeración do prebenxamín de 2010, e que despois continou a súa carreira como futbolista noutros clubes. Tampouco faltaban no equipo que presentou o Umia C.F. xogadores con pasado verdinegro. Migui, Adri ou Borja, que no seu día vestiron a camisola verde e negra do Armenteira C.F., locen agora con orgullo a elástica vermella do clube de Barrantes. Aínda que se tratou dun partido amigable e de pretemporada, no que o resultado, e máis tendo en conta se que trata dunha etapa de formación, foi o de menos, cabe destacar a notable actuación dos tres futbolistas de Couso. Cun gol anotado por cada un deles e con detalles que auguran un futuro esperanzador na disciplina dun clube de tanto renome como o C. Juventud Cambados, estes futbolistas representan o éxito de enorme traballo realizado nunha entidade con tan escasos recursos como o Armenteira C.F., por unha xente que se sacrificou, que entregou o seu tempo, o seu esforzo ou incluso o seu diñeiro para facer realidade aquel soño que un día concebiu Julio Serén e que agora moitos só poderán contemplar ou practicar dende a diáspora.



Ningún comentario:

Publicar un comentario