Buscar neste blog

martes, 23 de febreiro de 2016

O C.E.I.P. de Armenteira organiza unhas xornadas de portas abertas

O C.E.I.P. de Armenteira organiza o vindeiro venres 26 de febreiro, de 9.30 A 11:00 horas, e o martes 1 de marzo, de 9:30 a 18:30 horas, unhas xornadas de portas abertas dirixidas a todas aquelas persoas que poidan estar interesadas coñecer as instalacións e o funcionamento deste centro educativo. Para elo editaron un folleto que están a distribuír polos distintos lugares do entorno no que se explica con detalle as aulas e os medios dos que dispoñen, os servizos que se prestan, as especialidades que se imparten e as actividades escolares e extraescolares que se realizan. O bo traballo e a implicación do equipo docente, así como o agradable ambiente de estudio que se respira no colexio son dous dos principais puntos que queren mostrar, especialmente aos pais e nais da parroquia de A Armenteira e das parroquias veciñas que poidan estar interesados en matricular os seus fillos e fillas neste colexio. Alertan que de persistir o descenso no número de matriculacións a Consellería de Educación podería decretar, nun futuro non moi lonxano, o peche do centro. Cabe indicar o que o C.E.I.P. de Armenteira, que conta na actualidade con 66 alumnos e alumnas e no que se imparten as etapas de Educación Infantil e Educación Primaria, abriu as súas portas no curso 1986-1987, e nestes trinta anos foron varias as xeracións de rapaces e rapazas que pasaron polas súas aulas e moitos os recordos que se agochan entre as súas paredes, polo que convidan tanto a todos aqueles que formaron parte desta comunidade educativa como a aqueles outros que desexen coñecela a que acudan a estas xornadas.



Ningún comentario:

Publicar un comentario