Un gol de Jorge Castro ao rematar de cabeza un balón colgado nun libre indirecto serviu para que o Armenteira Veteranos vencese por un gol a cero ao Carballo da Portela A.C.D. e sumase tres novos puntos. O dianteiro de Vilar, que nesta ocasión disputou a maior parte dos minutos do encontro como centrocampista, volveu a dar mostras da calidade que atesoura, e aparte de levar o timón do equipo demostrou que nos metros finais está entre os xogadores máis decisivos da categoría. Nun partido rudo e con moito contacto físico, no que o conxunto visitante exhibiu o estilo correoso e loitador que o caracteriza, o Armenteira Veteranos tentou sempre de levar o control do xogo e achegouse en máis ocasións á área rival có seu contricante pero, a falta de acerto e a solidez e a sobriedade dos de Barro impediron que o cadro verdinegro se despexase no marcador e que incluso tivese algún sobresalto nalgunha das poucas ocasións nas que o Carballo da Portela A.C.D. rondou a meta defendida por Joserra. Con esta vitoria a escadra de O Leixo sitúase a séptima posición con cuarenta e dous puntos, unha cifra realmente loable, tendo en conta que nesta temporada estrea grupo despois do ascenso ao grupo 4A. Na próxima xornada o Armenteira Veteranos debe rendir visita ao Castrelo C.F., oitavo clasificado con dous puntos menos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario