Portonovo S.D., San Martín C.F., Unión Dena C.F. e A.D. Arousa F-7, clubes clásicos no panorama futbolístico comarcal, serán os rivais aos que terán que enfrontarse os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. na xornada desta fin de semana, vixésima da presente temporada.
O equipo benxamín visita na mañá do sábado o campo de Baltar-Fútbol-7, onde será recibido a partires das 10:30 horas polo Portonovo S.D., un equipo que ocupa a sexta posición con trinta e nove puntos, e que xa no encontro da primeira volta infrinxiu unha severa derrota aos rapaces e rapazas que adestra Valentín Estévez. O técnico cambadés agarda que o duro traballo que está a realizar comece a dar pouco a pouco os froitos no terreo de xogo, e é consciente da enorme dificultade que supón este partido, ante un rival cun potencial moi superior, como a maior parte dos conxuntos cos que se leva enfrontado esta temporada, na que as gañas e a ilusión por saltar ao campo destes xóvenes futbolistas do Armenteira C.F. non están sendo suficientes para conseguir resultados positivos.
O equipo cadete, que se atopa nunha boa racha de xogo e resultados, que agarda manter despois do partido desta fin de semana ante o San Martín C.F., ao que se vai medir no campo de O Leixo a partires das 11:30 horas. A formación que dirixe Marcial Prado atópase na séptima posición, con vintetrés puntos, e recibe a un rival que ocupa a terceira plaza, con trinta e dous puntos, polo que se presume como un test máis que esixente para os rapaces do cadro verdinegro. A fortaleza que está a exhibir nos últimos encontros o equipo cadete, a volta ao equipo despois de varias xornadas de Carlos Soto, así como as dificultades que soen plantexar aos rivais no campo de O Leixo son o mellor aval que poden presentar estes xogadores do Armenteira C.F., que no encontro da primeira volta saíron derrotados do Municipal de Vilaxoán por dous goles a cero, pero que aspiran a obter o título de mataxigantes do grupo despois de ter derrotado a C.D. Ribadumia e E.F.B. Vilanova, escadras que, ao igual cós vermellos, ocupan os postos privilexiados da táboa.
O campo de As Cachizas será o escenario este sábado a partires das 12:15 horas dun dos encontros máis atractivos da xornada no grupo 62 da categoría alevín na modalidade de fútbol-8. Será o partido que mida ao conxunto local, o Unión Dena C.F. e ao Armenteira C.F. O cadro meañés sitúase na terceira posición, con só tres puntos máis cá escadra que adestra Jonathan Crespo, polo que o duelo deste sábado vai ser crucial de cara ás aspiracións destes dous conxuntos no que resta de temporada. O técnico valgués terá algunha baixa significativa, pero amósase esperanzado en acadar un resultado positivo, ao igual que conseguiron na primeira volta, cando derrotaron ao equipo azul e branco por catro goles a dous. A boa imaxe que deron os rapaces e rapazas do equipo alevín no partido da pasada fin de semana ante o C. Xuventú Sanxenxo fai que as esperanzas que ten a parroquia verdinegra neste colectivo de xogadores se manteñan elevadas.
Finalmente, o equipo infantil recibe no campo de O Pombal, en Cambados, o domingo a partires das 11.30 horas, ao A.D. Arousa F-7. O equipo vilagarciano, que xa derrotou con claridade aos de Martín Casais no partido da primeira volta, mantense nunha posición cómoda na clasificación, no décimo posto, con vintedous punto, e voltará a ser outro difícil obstáculo para un grupo de xogadores que, a duras penas, trata de manter a fe a ilusión nunha temporada que está a ser moi compricada para eles. O pasado no cadro amarelo de Martín Casais engadirá un aliciente máis a un encontro que, finalmente, deberá disputarse no campo norte de O Pombal, que conta cun terreo de xogo de maiores dimensións có campo adxacente, polo que requirirá un esforzo extra para os xogadores do Armenteira C.F.
Ningún comentario:
Publicar un comentario