Buscar neste blog

domingo, 21 de febreiro de 2016

O equipo alevín e o equipo cadete do Armenteira C.F. seguen con paso firme na liga

Os triunfos acadados polo equipo alevín e polo equipo cadete do Armenteira C.F. nos seus encontros desta fin de semana, décimo novena xornada de liga, mantéñenos na liña ascendente dos últimos partidos. Menos sorte tiveron o equipo infantil e o equipo benxamín, que caíron derrotados ante sendos conxuntos do Umia C.F. O clube de Barrantes, centro urbano de referencia pola súa proximidade para moitos veciños da parroquia de A Armenteira, volveu a poñer de manifesto a fortaleza que está mostrando nos últimos tempos e os seus cadros de categoría infantil e benxamín non perderon a oportunidade de derrotar con contundencia aos conxuntos do Armenteira C.F. que máis dificultades están afrontando esta temporada.

O equipo infantil acudía con bastante debilidade na mañá do sábado ao campo de A Bouza, en Barrantes, para medirse a un Umia C.F. notablemente superior. Os rapaces que nesta ocasión dirixiu Jonathan Crespo intentaron defender con dignidade a evidente debilidade ante o conxunto vermello, e con grandes esforzos mantiveron a orde táctica e trataron de sacudirse o dominio do rival pero, na segunda metade, o cansanzo e a desmoralización que os sucesivos goles do Umia C.F. provocaron nos xogadores verdineros fixeron que o Armenteira C.F. saíse finalmente derrotado de Barrantes por dezasete goles a cero. O debut co equipo infantil dos xogadores de categoría alevín Fran, Jeffrey e Jonathan Osuna foi unha das poucas notas positivas deste encontro para o clube de O Leixo. Na próxima xornada o equipo infantil recibe no campo de O Pombal ao A.D. Arousa F-7, décimo clasificado con vintedous puntos.

O equipo benxamín enfrontábase tamén o sábado pola mañá ao Umia C.F., pero neste caso no campo de O Leixo, en A Armenteira. A volta do adestrador Valentín Estévez, tras estar dous meses convaleciente a causa dunha lesión deportiva, produciuse nunhas circunstancias non do todo favorables, ante un rival con bastante máis potencial que acabou vencendo aos rapaces e rapazas do equipo verdinegro por dous goles a dezaséis. Os tantos do Armenteira C.F. foron obra do futbolista de Zacande Álex Grigorio. O próximo rival do equipo benxamín será outro conxunto de gran potencial, o Portonovo S.D., que ocupa a sexta posición con trinta e nove puntos.

O equipo alevín recibía a continuación no campo de O Leixo ao C. Xuventude Sanxenxo. Os rapaces e rapazas que adestra Jonathan Crespo levaron en case todo momento o dominio do xogo, movendo o balón con velocidade e xerando oportunidades ante a meta amarela. O gol inicial de Íñigo, aproveitando un rexeitamento do porteiro, tras un golpe franco lanzado por Adri, parecía encauzar o encontro para o equipo verdinegro, pero un gol do C. Xuventú Sanxenxo nun despiste defensivo fixo que o nerviosismo se extendese polas bancadas do O Leixo durante uns minutos. As continuas ocasións erradas polos de A Armenteira e un contragolpe do C. Xuventú Sanxenxo que conseguiron aplacar a duras penas os defensas e o porteiro local puxeron en alerta aos de Jonathan Crespo. Pero un gol de Adri nun disparo cruzado, outro de Manu Meixús tras unha bonita xogada elaborada, e finalmente outro de Adri cunha bolea de longa distancia, configuraron o catro a un final, que sitúa ao Armenteira C.F. na séptima posición, con trinta e catro puntos, a espera de enfrontarse na próxima xornada no campo de As Cachizas ao Unión Dena C.F., terceiro clasificado con trinta e sete puntos.

Finalmente, o equipo cadete desprazábase na mañá do domingo ata o campo de A Rapeira, en Portas, onde era recibido polo Atlético Cuntis. Os xogadores que adestra Marcial Prado, que no partido da primeira volta só puideron lograr un empate ante o conxunto das terras do Umia, saíron ao terreo de xogo con intensidade e enseguida plasmaron o potencial ofensivo do que dispoñen. Dous goles de Mathias e dous de Alberto, deron unha vantaxe de cero goles a catro aos verdinegros, que se viron empañados por dous goles dos de Cuntis nos minutos finais, que colocaron no marcador o resultado final de dous goles a catro. Con este triunfo o equipo cadete mantense na séptima posición, con vintetrés puntos. Cabe recordar que este conxunto do Armenteira C.F. conta cun encontro menos, o que comezou a xogar ante o Moraña C.F.  que foi suspendido aos cinco minutos polo colexiado debido á intensa néboa, como soe ocorrer con frecuencia, cubría o campo de O Leixo a pasada fin de semana,  e que foi trasladado definitivamente ao 2 de abril. Na próxima fin de semana os rapaces que dirixe Marcial Prado reciben no campo de O Leixo a un esixente rival, o San Martín C.F. A formación de Vilaxoán atópase no terceiro posto da táboa con trinta e dous puntos, e é un dos máximos favoritos a dar o salto de categoría.












Ningún comentario:

Publicar un comentario