Os equipos de categoría alevín, benxamín e infantil do Armenteira C.F. disputaron esta semana os encontros aplazados correspondentes á xornada 13 ante o Portonovo S.D., a S.D. Pontearnelas e o C.D. Portas, conseguindo arrincar un punto unicamente o equipo infantil.
O equipo alevín recibiu na tarde do pasado mércores no campo de O Pombal ao Portonovo S.D. O equipo de Jonathan Crespo sabía do potencial do rival, líder destacado do grupo, que acadara a vitoria en todos os encontros de liga disputados, agás no que o enfrontara nese mesmo escenario cambadés ao C, Xuventude Cambados. O gol de Migui nos minutos iniciais do partidos deu esperanzas ao equipo verdinegro, pero estas esperanzas víronse truncadas cando o equipo visitante logrou a igualada apenas un par de minutos despois. A partires de entón o Portonovo S.D. convertiuse en dono absoluto do encontro e os goles foron caíndo un tras outro na meta defendida por Sergio. A vantaxe de un gol a sete ao descanso facía agardar unha goleada por parte do cadro blanquiazul, un equipo cun enorme vigor físico e cunhas grandes cualidades técnicas e tácticas nos seus xogadores en relación cos demais conxunto que conforman este grupo. O resultado final de un gol a once reflectiu esta diferenza de nivel entre ambos equipos, ante a que nada puido facer un Armenteira C.F. falto da intensidade e da velocidade nas transicións entre a defensa e o ataque doutros partidos. Na vindeira fin de semana o conxunto que dirixe Jonathan Crespo visita o campo de Zacande para medir as súas forzas co C.D. Mosteiro, no que será un novo derbi entre os dous equipos con fútbol base do concello de Meis.
O equipo benxamín enfrontábase na mañá do sábado no campo de O Leixo á S.D. Pontearnelas, o líder do grupo, no que se presumía como outro difícil envite para os rapaces e rapazas que está dirixindo Víctor Saborido. O equipo vilanovés, que conta cunha das canteiras máis emerxentes de entre as dos clubes da comarca, impuxo dentro o inicio do partido a súa superioridade, ante a que pouco puideron facer os esforzados xogadores e xogadoras do equipo benxamín do Armenteira C.F. A loita e o esforzo do equipo alevín non puideron evitar a derrota por cero a trece que indica o marcador final. Na próxima xornada o equipo de O Leixo debe visitar o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, para enfrontarse ao Céltiga F.C., terceiro clasificado con cuarenta puntos, un encontro que cun horario aínda por confirmar, debido ao intenso calendario festivo no que está inmersa a localidade arousana nestas datas de Entroido.
O equipo infantil tiña esta fin de semana unha grande oportunidade para acadar a primeira vitoria da temporada no partido que o enfrontada ao C.D. Portas. Ámbolos dous clubes acudían a esta cita con cero puntos no seu casilleiro, polo que un triunfo serviría para reforzar a moral duns rapaces resignados a sufrir derrota tras derrota nos seus encontros. O gol do xogador de categoría alevín Íñigo na primeira metade, tras un despexe dende case a liña que marca o medio do campo levou ao descanso aos visitantes con vantaxe no marcador. Pero, no segundo período, desta vez con fero vento en contra, o Armenteira C.F. apenas logrou achegarse á portería do cadro das terras do Umia. Un tiro de Santi a centro de Andrés Liu nunha bonita xogada combinativa foi a aproximación máis destacaba neste segundo tempo dos rapaces que dirixiu Jonathan Crespo. No resto dos minutos os xogadores do equipo de A Armenteira viviron agazapados no seus campo, facendo fronte ás embestidas que, a duras penas, trataban de lanzar os xogadores do C.D. Portas. E foi nun golpe franco que o meta Diego Núñez non logrou atallar, e que, no medio da pasividade dos defensores verdinegros, como Simón Pérez, conseguiu a igualadada, despoisde rematar ata en dúas ocasións ata introducir o esférico no interior das mallas verdinegras. Os minutos finais foron de sufrimento para o equipo infantil do Armenteira C.F., no medio dunha forte choiva e dun vento que sopraba cada vez con máis violencia, provocando que un dos colectores do lixo que rodeaban o campo de A Rapeira se introducise no terreo de xogo e desprendese a súa carga sobre o céspede. O empate final a un gol serviu para que os dous conxuntos lograsen por fin sumar, pero deixou para posteriores citas a oportunidade de lograr unha vitoria que os xogadores e as afeccións dos dous equipos tanto ansían. Na próxima xornada o equipo infantil do Armenteira C.F. recibe no campo de O Pombal, en Cambados, á S.D. Chispa, duodécimo clasificado con dezaséis puntos, no que será o primeiro encontro da segunda volta do grupo 8 do grupo de categoría infantil.
Ningún comentario:
Publicar un comentario