Buscar neste blog

domingo, 28 de febreiro de 2016

Xornada de empates e poucos goles para os equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol tiveron na xornada desta fin de semana, a vixésima na que vai de liga, unha xornada na que non conseguiron a vitoria e na que anotaron poucos goles, pero na que acadaron dous valiosos empates, a cargo do equipo cadete e do equipo alevín, ante rivais de notable potencial como o San Martín C.F. e o Unión Dena C.F.

O equipo benxamín, o primeiro en porse en marcha nesta fin de semana, visitaba na mañá do sábado o campo de Baltar-Fútbol-7, onde tiña que enfrontarse ao Portonovo S.D. O cadro local, que xa no encontro da primeira volta exhibiu sen escrúpulos a enorme distancia de nivel que o separa do conxunto que adestra Valentín Estévez acabou derrotando aos de A Armenteira por dezaséis goles a cero. A tarefa do adestrador cambadés seguirá baseándose en manter a fe e o ánimo dun grupo de rapaces e rapazas con ansias de aprender e de formarse no mundo do balompé, pero que están tendo que facer fronte a rivais cun camiño percorrido no fútbol moi superior ao que teñen feito eles. Na próxima fin de semana o equipo benxamín recibirá o sábado no campo de O Leixo, previsiblemente a partires das 11 horas, á S.D. Noalla, que ocupa a décima posición con trinta e dous puntos.

O equipo cadete recibía o sábado pola mañá no campo de O Leixo ao San Martín C.F., un dos rivais máis potentes do grupo e claro candidato ao ascenso de categoría. O gol de Villa aos catro minutos do partido parecía encarrilar o encontro para o cadro que dirixe Marcial Prado, pero as ocasións erradas polos rapaces do conxunto verdinegro e o bo facer no manexo do balón dos xogadores do equipo de Vilaxoán permitiron que os visitantes Ángel Señoráns igualasen o marcador ao inicio da segunda metade e puxesen o un a un co que acabaría finalizando o partido. Na próxima fin de semana o equipo cadete intentará manter a boa racha de xogo e resultados dos últimos partidos na cita que terá o sábado a partires das 12 horas no campo de O Leixo co S.D. Chispa, no que será un encontro correspondente á xornada 24, pero que foi adiantado de mutuo acordo entre ambos clubes.

O equipo alevín xogaba na mañá deste sábado no campo de As Cachizas un dos duelos máis atractivos da xornada neste grupo de categoría alevín. Nun partido no que houbo dúas partes ben diferenciadas, na primeira metada con dominio de xogo e con maior número de ocasións para a formación que dirixe Jonathan Crespo, e na segunda con dominio para o Unión Dena, que dispuxo de bastantes ocasións para desnivelar o marcador. Pero a notable labor defensiva e o desacerto dos atacantes de ámbalas dúas escadras fixo que o marcador non se movese e reflectise o cero a cero no que deu inicio o encontro. Unha vez máis o equipo alevín volveu a mostrarse como un bloque sólido e con capacidade de xerar fútbol, que é quen de plantar cara a calquera equipo da categoría, o que demostra que o bo traballo que se está realizando con este grupo de rapaces e rapazas da o seu froito cando saltan ao terreo de xogo. O próximo sábado, no campo de O Leixo, inicialmente a partires das 10 horas, o conxunto alevín terá que medirse a outro difícil rival, o Arosa S.C., séptimo clasificado con trinta e catro puntos, un menos có equipo de O Leixo, na que se pode considerar outra final máis das que lle quedan por xogar no que resta de temporada para unha formación que mantén intactas as súas aspiracións de loitar polos postos privilexiados da clasificación.

Para finalizar, o equipo infantil medíase na mañá do domingo no campo de O Pombal á A.D. Arousa F-7. O conxunto dirixido por Martín Casais realizou un dos partidos máis completos no que vai de temporada, mostrando orde e colocación no terreo de xogo e chegando en varias ocasións con perigo á área rival. A igualdade entre os dous equipos foi a nota predominante ata que, a vinte minutos para o final, nun remate que a afección do Armenteira C.F. reclamou como fora de xogo, o A.D. Arousa F-7 se puxo por diante no marcador. A partires de entón a moral dos rapaces do conxunto verdinegro, moi minada polos resultados desfavorables aos que están condenados partido tras partido, viuse abaixo, e o cadro de Vilagarcía anotaríase dous tantos máis ata conformar o cero a tres co que rematou o encontro. Na próxima fin de semana o equipo infantil non disputará xornada de liga debido a que o partido que debía disputar no campo de A Ran co Atlético Cuntis tivo que ser trasladado á Semana Santa pola imposibilidade do clube local para xogar o encontro.




































Ningún comentario:

Publicar un comentario