Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. terán nesta fin de semana unha nova xornada de liga, na que sobresairá un novo derbi municipal entre a entidade de O Leixo e o C.D. Mosteiro, desta vez cos seus respectivos conxuntos de categoría alevín. Ademais, esta xornada presenciará o debut por esta temporada coa camisola verdinegra dos seus particulares Falcao e Lucas Pérez.
O equipo cadete recibirá o sábado no campo de O Leixo, a partires das 11:30 horas, ao Moraña C.F. Será o primeiro encontro da segunda volta para os rapaces que dirixe o adestrador meisino Marcial Prado, que tratarán de sacarse o mal sabor de boca do encontro da primeira volta no que, tras ter unha vantaxe de cero goles a dous, acabaron caendo por tres goles a dous, tras unha controvertida actuación arbitral, ao dar por válido un gol en posible fóra de xogo no último minuto do partido. O cadro morañés ocupa a sexta posición na táboa, unha por enriba do Armenteira C.F., con catro puntos de vantaxe, polo que os rapaces do clube verdinegro non queren perder a oportunidade de achegarse ao seu rival e de seguir escalando postos na clasificación.
Pola súa parte, o equipo infantil disputará o sábado a partires das 18:30 horas, no campo de O Pombal, en Cambados, o que será tamén o primeiro encontro da segunda volta. O rival, a S.D. Chispa, derrotou por cinco goles a un á formación que dirixen Martín Casais e Jonathan Crespo, pero despois de meses de duro traballo, nunhas condicións non sempre favorables, os rapaces que defenden as cores da entidade verdinegra queren mostrar sobre o céspede das instalacións cambadesas os progresos que cont tantas dificultades foron acadando. O punto acadado no encontro disputado ante o C.D. Portas a pasada fin de semana viu a reforzar a decaída moral duns esforzados xogadores, que ante o clube de Corón, décimo segundo clasificado, con dezaséis puntos, agardan seguir sumando puntos nun casilleiro escaso de puntos nesta temporada.
O equipo alevín disputará o domingo o que será un novo derbi do concello de Meis ante o C.D. Mosteiro. Será a partires das 12 horas no campo Municipal de Zacande, un escenario que viu como se repetían nas últimas temporadas enfrontamentos entre os dous clubes que, xunto co Zacande F.C., levan a bandeira do concello polos diversos campos do entorno. O conxunto que dirixe Jonathan Crespo, que venceu comodamente por dez goles a cero ao seu veciño no partido da primeira volta, non quere confianzas, e acudirá a esta cita coa intención de seguir sumando máis puntos aos vinteoito cos que conta actualmente, e ao mesmo tempo resacirse das derrotas das últimas dúas xornadas ante a E.F.B. Vilanova e o Portonovo S.D. A situación do rival, último clasificado cun único punto, outorga o papel de favorito ao Armenteira C.F., pero o técnico local insiste en que non cabe ningún tipo de relaxación, xa que ao respecto que senten pola entidade de O Mosteiro hai que engadir que se trata dun encontro de máxima rivalidade.
Finalmente, o equipo benxamín, visitará nesta xornada o campo de A Bouza, en A Illa de Arousa, ao Céltiga F.C., terceiro clasificado con corenta puntos. O fervor co que se viven estas datas festivas de Entroido na localidade arousana obrigou a trasladar o encontro ao martes 16, cando, a partires das 19 horas, os rapaces e rapazas de ambas formacións se medirán nun choque que se presenta claramente desigual, xa que o potencial dos rapaces e rapazas que dirixe Ricardo Dios está moi por enriba do que ten o grupo que está adestrando Víctor Saborido. Os leves progresos que xornada a xornada están a mostrar os compoñentes deste equipo do Armenteira C.F., que con traballo e ilusión están superando os obstáculos que a súa inexperiencia na práctica do fútbol lles impoñe, poida que sexan insuficientes para conseguir por fin sumar algún punto ante un rival que xestionou con respecto e elegancia a súa evidente superioridade no partido da primeira volta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario