Buscar neste blog

venres, 16 de setembro de 2016

Fin de semana de amigables para os equipos infantil e alevín do Armenteira C.F.

Esta fin de semana será unha fin de semana de partidos amigables para os equipos infantil e alevín do Armenteira C.F. Os rivais serán a S.D. Pontearnelas e o C. Xuventude Cambados respectivamente.

O campo de As Chans será o escenario no que se midan o sábado a partires das 17 horas o conxunto local da S.D. Pontearnelas e o Armenteira C.F. O cadro infantil de O Leixo, adestrado esta temporada por Valentín Estévez "Tilín", acude ao terreo de xogo vilanovés eufórico tras a boa actuación o pasado sábado no Torneo Triangular Divina Pastora, do que resultou vencedor. O técnico de Santo Tomé conta en principio coa totalidade do plantel co que vén traballando nas últimas semanas de cara a unha competición que comezará previsiblemente a primeira semana de outubro. A presenza de Piñeiro é a única dúbida que ten polo momento un "Tilín" que afronta esperanzado este novo test de pretemporada ante un equipo dunha das canteiras máis prolíficas de O Salnés nos últimos anos. O debut de Carlos Pérez dotará ao conxunto infantil de máis alternativas na liña do mediocampo, unha das máis completas e versátiles da escadra verde e negra.

Pola súa contra o equipo alevín recibe o domingo no campo de O Leixo, a partires das 12 horas, ao C. Xuventude Cambados, na que será a reedición dun dos derbis máis clásicos do panorama do fútbol base local nos últimos tempos. Os bos partidos que disputaron a pasada temporada os conxuntos alevíns da modalidade de fútbol-8 de ámbalas dúas entidades, nos que a igualdade e a emoción foron a nota predominante, aínda están no recordo das persoas que tiveron a sorte de contemplalos. Nesta nova temporada, á espera de darse a coñecer o calendario definitivo, é posible que C. Xuventude Cambados e Armenteira C.F. volvan cruzarse as caras. Como preludio a estes enfrontamentos, este domingo a escadra verdinegra, que dirixe esta temporada Luis Barral, un clásico dos banquillos da comarca, parte coa ilusión de acadar un resultado positivo que confirme as expectativas que rodean a este grupo de xogadores e xogadoras. As excelentes sensacións mostradas no Torneo Triangular San Ero 2016, único intre no que a afección de O Leixo puido observar as evolucións deste equipo, agardan ser repetidas de novo ante un rival de gran esixencia e que de seguro porá en moitos apuros á formación de A Armenteira.



Ningún comentario:

Publicar un comentario