O campo de O Leixo vivirá este domingo 18 de setembro, a partires das 18:30, o primeiro partido de competición oficial de categoría sénior feminina. O cadro local do Armenteira C.F. recibe a visita do conxunto santiagués do Victoria F.C. "B". As rapazas que adestra Marcial Prado, que levan apenas un mes de duro traballo, agardan facer fronte á inexperiencia e ao nerviosismo lóxico deste debut coas gañas, a ilusión e o incondicional apoio da numerosa afección que se achegará ata as intalacións deportivas situadas no lugar de O Busto. Os problemas físicos de moitas das xogadoras provocan que o corpo técnico local vexa moi mermado un plantel que conta na actualidade con 18 licenzas, pero para esta cita apenas poderá dispoñer de trece ou catorce futbolistas, algunha delas aínda en proceso de recuperación. Con todo, O Leixo vestirase de gala para contemplar o inicio dunha competición que se augura apaixoante e a presentación da nova equipación que a empresa porriñesa Trezze deseñou para o Armenteira C.F. Féminas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario