Buscar neste blog

venres, 2 de setembro de 2016

Un partido amigable e un torneo agardan esta fin de semana aos equipos de fútbol base do Armenteira C.F.

Os equipos de fútbol base do Armenteira C.F. teñen esta fin de semana unha xornada máis de rodaxe de cara a unha temporada que comezará en apenas tres semanas.

O equipo infantil desprázase ata o campo de O Revel para medirse ao conxunto local, o Vilalonga F.C., un esixente rival que a pasada campaña militou na Primeira Categoría Infantil. O técnico verdinegro, Valentín Estévez "Tilín", que se presentará en O Revel cun plantel moi escaso e sen algunha das pezas claves, tratará de seguir coas probaturas para ir afinando o ritmo de preparación dun conxunto no que a Xunta Directiva e a afección do clube de O Leixo teñen depositadas moitas esperanzas.

Pola súa contra, o equipo alevín participará no Torneo Triangular de Fútbol-8, San Ero´2016, que se vai disputar no campo de O Leixo e no que competirán tamén o Vilalonga F.C. e a A.D. Arousa F-7. O cadro que esta temporada adestra Luis Barral comezará a súa participación a partires das 12 horas ante o perdedor do partido que disputarán os outros dous conxuntos presentes no evento. A partires das 12:30 medirase ao vencedor dese primeiro partido. O técnico local, que contará coa baixa de Álex Grigorio, intentará poñer en práctica o traballo técnico e táctico que está levando a cabo con este grupo de xóvenes futbolistas cos que agadar acadar importantes éxitos na campaña que se aproxima. Este evento supón unha aposta da renovada Xunta Directiva do Armenteira C.F. pola recuperación dunha tradición que se remonta máis de vinte anos atrás cando, co motivo coas festas da parroquia, se disputaban torneos nos que participaban os nenos e nenas da parroquia, pero tamén equipos adultos, nos cales se repartían trofeos que eran entregados no palco pola noite durante a verbena musical.


Ningún comentario:

Publicar un comentario