Buscar neste blog

xoves, 8 de setembro de 2016

Un gol para a historia

Mar Otero pertence a unha extensa saga de futbolistas, todos eles vinculados ao Armenteira Club de Fútbol: o seu irmán Jose, actualmente no equipo infantil, cumpre a súa quinta temporada no clube; o máis novo da familia, o seu outro irmán Dani, aínda prebenxamín, forma parte do equipo benxamín; e a súa curmá Naomi é unha das integrantes do recén creado equipo feminino. Pero hai algo polo que Mar quedará para sempre no recordo deste clube. O pasado domingo, no Torneo Feminino Fútbol-11. Fundación S.C.D. Salcedo, despois de sufrir un esvaecemento que asustou ao numeroso público que se congregaba nas bancadas do campo de O Casal, e que a obrigou a retirarse do terreo de xogo durante uns minutos, Mar, que ata ese momento viña ocupando con éxito a zona lateral da defensa, foi situada polo cadro técnico que dirixe Marcial Prado na punta de ataque. A raza, o pundonor, a valentía e a velocidade, características que comparte co seu irmán Jose, convertiron a esta xoven xogadora na principal arma ofensiva, nun pesadelo continuo para as defensoras da S.C.D. Pontecaldelas. Nunha das súas galopadas, aproveitou un balón en longo, controlouno, acomodouno e colocouno a un lado da gardamallas rival. Este gol, que para moitas persoas non é máis ca unha anécdota, é para outras tantas un gol para a historia, por ser o primeiro que anota este conxunto de mozas futbolistas e que, por elo, debe quedar no recordo das xentes que formaron parte ou tiveron a sorte de presenciar ese gran e interesante proxecto que para esta temporada decidiu acometer a Xunta Directiva do Armenteira Club de Fútbol: a creación dun equipo de fútbol feminino.


Ningún comentario:

Publicar un comentario