O equipo feminino do Armenteira C.F. segue progresando a pasos axigantados. Clara mostra delo foi o encontro que disputou este sábado ante o C. Xuventude Cambados, na disputa no Trofeo Divina Pastora 2016. As rapazas que dirixen Marcial Prado, Iván Borrageiros e Junior Tirado axiña se atoparon en desvantaxe. O gol inicial das cambadesas foi rapidamente respostado polo cadro verdinegro, aproveitando Ana Martínez un barullo na área visitante para poñer a igualada no marcador. As continuas alternativas dun partido na que ambos conxuntos se aproximaban con frecuencia á meta rival acabou poñendo a balanza do lado do C. Xuventude Cambados, unha escadra máis experimentada e rodada, con xogadoras que levan anos competindo defendendo as cores de distintos equipos da comarca. O final do encontro acabou debuxando, no medio da intensa néboa, un resultado final de un gol a seis, que non deixa de ser unha mera anécdota para un grupo de rapazas que pouco a pouco a pouco van evolucionando e van corrixindo os erros lóxicos nun conxunto recén formado. A seguridade na portería de Uxía, a fortaleza defensiva de Alessandra e Patri, a intensidade de Karla no lateral esquerdo, a incombustible presenza de Naomi e Aida na zona de creación e a verticalidade de Ana Martínez e Mar na zona de ataque, son algúns dos aspectos a salientar dun equipo en franca progresión e que a próxima fin de semana iniciará a competición de liga no campo de O Leixo ante o Victoria F.C. "B".
Ningún comentario:
Publicar un comentario