Buscar neste blog

domingo, 4 de setembro de 2016

Aceptable actuación do equipo feminino do Armenteira C.F. en Salcedo

O equipo feminino do Armenteira C.F. continúa coa súa progresión de cara a unha temporada que comezará en apenas dúas semanas. Ese notable avance volveu mostrarse no Torneo Feminino Fútbol-11. Fundación S.C.D. Salcedo, que se disputou este domingo no campo de O Casal. As rapazas que dirixen Marcial Prado e Iván Borrageiros tiveron que medirse no primeiro dos partidos á S.C.D. Salcedo. As locais apoderáronse dende o primeiro momento do dominio do balón ante un Armenteira C.F. que trataba de defenderse e buscaba con balóns longos a presenza dunha Ana Martínez  moi soa en ataque. As continuas aproximacións á meta defendida por Karla acabaron dando o seu froito para a S.C.D. Salcedo, que lograría introducir o balón no fondo das mallas ata en catro ocasións. No segundo encontro, as rapazas do cadro verdinegro amosaron unha clara melloría e conseguiron que o balón estivese en campo contrario durante boa parte do tempo. A lesión de Karla deu a oportunidade na portería á sempre activa Aless, que estivo moi acertada durante os minutos que exerceu como gardameta. O criterio na liña de creación de Naomi, que contou coa axuda neste partido Ana Martínez, permitiron reter unha posesión do balón que aínda se lle resiste ás de Marcial Prado. Pero sen dúbida a protagonista deste encontro foi Mar, primeiro polo susto que deu á numerosa e animada afección que se congregaba nas bancadas cando sufriu un esvaecemento e logo ao resolver de forma maxistral unha xogada na que recibiu un balón en profundidade. O gol de Mar, que quedará para o recordo como o primeiro da historia do equipo feminino do Armenteira C.F., é un dos moitos aspectos que fai que as esperanzas que os seguidores e seguidoras teñen depositadas neste grupo de mozas vai aumentando día a día.


Ningún comentario:

Publicar un comentario