Buscar neste blog

xoves, 4 de maio de 2017

A mala fortuna e os erros penalizan ao equipo infantil do Armenteira C.F. en As Lampáns

O equipo infantil do Armenteira C.F. caiu derrotado por tres goles a un ante a S.D. Amanecer no partido correspondente á vixésimosétima xornada, que fóra aprazado fai dúas semanas, e que se disputou na tarde deste mércores no campo de As Lampáns, en San Vicente de O Grove. O encontro estivo marcado de inicio polo sentido minuto de silenzo que se gardou na honra do pai da xogadora verdinegra Anabel, falecido a pasada fin de semana nun tráxico accidente de tráfico en Valladolid. A futbolista cambadesa, que exerceu de capitana do seu equipo, formou parte dun once inicial no que Valentín Estévez "Tilín" situou a Santi baixo paus, Migui, Xoán, Sebas e a propia Anabel en defensa, Mosteiro, Carlos, Jose Otero e Andrés Liu no mediocampo, Álex Ruel na mediapunta e Piñeiro como home máis adiantado. A S.D. Amanecer, que partía co cartel de favorito, e que se atopa en plena loita pola segunda praza, que da dereito ao ascenso de categoría, asumiu ese favoritismo e tomou a iniciativa dende o principio. Pero a orde e a disciplina táctica do Armenteira C.F., que mostraba poucas fisuras, impedía que os locais chegasen con claridade aos dominios de Santi. Nas poucas ocasións que crearon o meta de Santo Tomé actuou con gran seguridade. Foi nunha xogada xurdida das botas de Ángel Fernández, o futbolista máis desequilibrante da formación meca, na que o balón partiu do flanco esquerdo do ataque dos de San Vicente e, tras superar as sucesivas barreiras defensivas que os visitantes ían presentando, alcanzou o outro flanco, onde Lucas Gondar, un dos futbolistas máis habilidosos dos grovenses, terminou por bater a Santi. O técnico visitante tratou de voltear a situación e situou a Mosteiro na mediapunta, a Álex Ruel na punta de ataque, mandando a Piñeiro ao interior dereito. Entón a reacción do Armenteira C.F. non se fixo agardar, e Álex Ruel colocou con extraordinaria mestría un lanzamento de falta na escadra defendida por Diego Garrido. No segundo período o ritmo dos locais parecía relaxarse, o que deu certa comodidade aos de O Leixo. O rumbo do partido puido variar se Álex Ruel finalizase en gol unha internada polo centro da defensa rival na que se plantou só ante o meta Jairo Lis, pero o centrocampista de Meaño enviou o coiro pola parte exterior do pau esquerdo. O infortunio para o conxunto de "Tilín" non se quedaría aí, e nun libre indirecto colgado por Ángel Fernández á área Piñeiro meteu a cabeza para despexar, con tan mala sorte que o balón colleu forza e seguiu en dirección á meta de Santi que, tras palmear varias veces, non puido evitar que acabase no fondo das mallas. Nunha xogada iniciada no costado esquerdo da S.D. Amanecer, que os defensores verdinegros non deron parado, o coiro finalizaría nos pés de Lucas Gondar que, con calidade, burlou á defensa e puxo o tres a un final no marcador. Non houbo posibilidades de remontada para o Armenteira C.F., no que ademais de Hugo, que entrou no terreo de xogo nos primeiros minutos da segunda metade, tamén tiveron a súa oportunidade Jeffrey, Enilson e Perla. Este resultado deixa ao conxunto verde e negro na oitava posición, con corenta e cinco puntos, á espera do partido que o próximo domingo, a partires das 10:00 horas, no campo de O Leixo, disputará ante a E.D. Arousa S.D. "B", un equipo que ocupa a quinta posición con cincuenta e nove puntos, e que tratará de esgotar as súas últimas opción de ascenso.


Ningún comentario:

Publicar un comentario