Buscar neste blog

sábado, 6 de maio de 2017

O Armenteira Veteranos remonta tres goles nun partido tolo en Zacande

O Armenteira Veteranos conseguiu remontar tres goles no partido disputado na tarde deste sábado no campo Municipal de Zacande ante a S.C.D. Terras de Curro ata rematar cun empate a tres. No que foi o último encontro da liga 2016/2017 o cadro verdinegro presentou un once inicial con Joserra en portería, Jorge Dávila, Portas, Carlos e Richi en defensa, Marcial, Martín, Rafa e Joseíño na liña de medios e Jorge Castro e Galiñanes na dianteira. O encontro caracterizouse polo seu tono gris, pola falta de intensidade e polos numerosos erros tanto en ataque como en defensa. No minuto 10 unha recuperación de balón dos locais na zona esquerda da defensa do Armenteira Veteranos remataba nos pés de Roberto Palacios, que enganchou un potente zapatazo ante o que nada puido facer Joserra. A apatía dos verdinegros, que parecía non atoparse a si mesmo sobre o céspede artificial de Zacande, permitiu que nunha nova xogada pola banda dereita da S.C.D. Terras de Curro Javier García lograse un novo tanto. Preto xa do descanso un balón en profundidade cara a David Ventura, que pillou despistada unha vez máis á defensa visitante, foi culminada en gol polo extremo esquerdo dos de Curro tras superar a saída de Joserra. Pero cando todo parecía sentenciado apareceu a figura de Jorge Castro. Primeiro tras unha asistencia de Joseíño e logo recuperando el mesmo o coiro na zona defensiva local, o dianteiro de Vilar anotaba dous tantos que levaban con vida ao seu equipo ao período de lecer. Na segunda metade a tónica seguiu sendo a mesma. Ritmo baixo, moitas imprecisións e dous equipos cada vez máis rotos que deixaban amplos espazos entre liñas. As molestias físicas do colexiado García Pousada estiveron a piques de retiralo do terreo de xogo, pero, tras varios minutos de parón, decidiu continuar tras ser convencido polos xogadores de ámbolos dous conxuntos. Coa condición de que as protestas dos futbolistas cesasen García Pousada, pouco firme e moi inseguro durante os noventa minutos, resistiu co seu trote lento e dificultoso unha recta final dun encontro na que a S.C.D. Terras de Curro puido ampliar a súa bagaxe. pero na que se volveu atopar con Jorge Castro. Un penalti cometido sobre o temible atacante verdinegro, que el mesmo transformou, poñía o resultado definitivo de empate a tres ante os laios dunha escadra local que pagaba a súa desesperación co colexiado. Trinta e catro goles en vintesete partidos, unha cifra tremendamente meritoria, e que colocan a Jorge Castro no terceiro posto na táboa de goleadores do grupo, noutra temporada na que este futbolista volveu ser o xogador franquicia dun Armenteira Veteranos que finaliza o campionato nunha aceptable décima posición, con trinta e oito puntos. Con todo, o peche deste campaña aínda virá coa disputa da Copa Deputación, na o cadro verdinegro coñecerá o rival da primeira eliminatoria nos próximos días.


Ningún comentario:

Publicar un comentario