Buscar neste blog

sábado, 13 de maio de 2017

Lama e choiva na primeira rolda da Copa Deputación para o equipo benxamín do Armenteira C.F.

O equipo benxamín do Armenteira C.F. viviu na tarde deste sábado o partido correspondente á primeira rolda da Copa Deputación de Pontevedra 2017. O cadro que dirixen Luis e Alba Barral medíronse no campo de O Leixo á E.F.B. Vilanova nun encontro marcado polas condicións meteoróloxicas adversas. A choiva e a lama que se se formando sobre o terreo de xogo convertíronse nas principais protagonistas e desluciron unha cita que congregou a un importante número de asistentes no campo situado no lugar de O Busto. A formación verdinegra presentou un equipo inicial formado por Sara Otero en portería, Saray, Ramón e Lucas Otero en defensa, Uxía, Óscar e Brais Charlín na liña medular e Ainoha en ataque. Nada máis comezaron a transcurrir os minutos o conxunto visitante xa tomaba vantaxe. Foi tras un saque de córner que non acertou a despexar a defensa local e que rematou de forma irremediable no fondo das mallas defendidas por Sara Otero. A superioridade da escadra vilanovesa foi evidente e pouco podía facer o Armenteira C.F. para deter as acometidas do rival. Só cando a E.F.B. Vilanova baixo o ritmo os nenos e nenas baixo a dirección de Luis Barral puideron merodear a área do seu contricante. A máis clara ocasión para os de O Leixo estivo nos pés de Brais Charlín, nun dobre remate no que se interpuxeron a defensa e o porteiro do equipo visitante. Na segunda metade a tónica continuou sendo a mesma. O cambio táctico que situou a Sara Otero na posición de mediocentro, e a Óscar coma gardamallas, apenas tivo efecto ante un conxunto vilanovés moi superior que acabaría vencendo por cero goles a trece. Con este resultado remata a experiencia do equipo benxamín do Armenteira C.F. na presente edición da Copa Deputación, mentres que a E.F.B. Vilanova continuará a súa aventura nesta competición, na que agardan na seguinte rolda o equipo que saia da eliminatoria entre a A.X.D. Verdugo e o Barro C.F. Pero tampouco haberá tempo de descanso para a escadra verde e negra, que este mércores se desprazará ata o campo de Berdón, en Vilagarcía de Arousa, para disputar o II Torneo Pazo da Golpelleira.


Ningún comentario:

Publicar un comentario