Buscar neste blog

luns, 1 de maio de 2017

San Xosé Obreiro volve vestir de festa a A Armenteira

Pouco máis dunha semana despois de que se deran por finalizadas as festas de Pascua A Armenteira volve estar de festa. Agora é no lugar de Cabeza de Boi, pero tamén en As Pereiras e Gondes, na zona situada noroeste da parroquia, onde se celebran as tradicionais na honra de San Xosé Obreiro. Esta celebración, que leva máis de medio século realizándose, incluso antes da construción da capela que se atopa ao pé da estrada que conduce dende Barrantes e San Martiño cara o mosteiro cisterciense, é xa unha costume moi arraigada entre os veciños e veciñas destes lugares. Xeración tras xeración estas xentes vanse organizando para preparar un festexo que senten tan propio e polo que mostran verdadeira paixón. A alborada, a misa solemne, as ofrendas, a procesión e, como non, as verbenas, forman parte dun programa festivo que coordina a comisión que dende fai varias décadas preside Álvaro Martínez. Este ano decidiron volver apostar forte. O telón abriuse na noite do domingo 30 de abril, coa verbena amenizada polas orquestras Gran Parada e Pontevedra. O día grande, o 1 de maio, os actos comezarán co pasarrúas que percorrerá todos os recunchos da parroquia, que virá seguida dunha misa cantada a partires das 13:30 horas, e dunha serie de concursos cos seus correspondentes agasallos. Como colofón, o peche correrá a cargo do Dúo Arena, que volverá traer a A Armenteira os seus pegadizos ritmos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario