Buscar neste blog

venres, 26 de maio de 2017

O momento para a épica

Na historia de todos os clubes figura un partido memorable, unha remontada aparentemente imposible, un momento para a épica. Con xa vintedous anos de percorrido, o Armenteira C.F. viviu moitos destes momentos. Na lembranza dos afeccionados e afeccionadas máis antigos e dos xogadores que as protagonizaron están aquelas reaccións fulgurantes nos gloriosos tempos iniciais, cando os berros, pero tamén a charla motivadora de Julio Serén, enseguida facían efecto e o equipo saía adiante de situacións máis ca compricadas. O pasado domingo, no campo de As Extremas, en Cotobade, o equipo alevín da entidade verdinegra deixou escrito para a historia un destes episodios. Cansos tras a dura xornada do día anterior, no que boa parte deles tiveron que soportar a violencia dos raios do sol mentres colaboraban no desenvolvemento da I Copa Armenteira, e afectados polo bochorno que envolvía o ambiente das terras altas da comarca de Pontevedra, os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral, que axiña tomaran vantaxe no marcador, foron cedendo terreo ante un rival que ía medrando en moral a medida que os erros e o desgaste ía arrebatando as forzas das pernas dos xogadores de A Armenteira. A situación acadou o máis alto grao de dramatismo cando, a falta de seis minutos para o asubío final, o C.E.D. Cotobade vencía por catro goles a dous. A lesión de Íñigo, vítima unha vez máis dos problemas nas plantas dos pés, parecía condenar ao equipo a unha derrota coa que se irían definitivamente as aspiracións ao título de liga. Pero o Armenteira C.F. non se rendiu e decidiu apostar pola épica. As indicacións de Luis Barral, sobradamente experimentado nestas lides, e os ánimos da bancada serviron de soporte para a fazaña. O ímpetu de Adri, que abandonou as posicións defensivas para converterse nun voraz dianteiro, apoiado por un excelente traballo en equipo, fixeron o resto. Un balón rebañado na área e un penalti provocado e transformado por el mesmo deron a Adri un papel protagonista nunha remontada na que a palabra final a puxo Javi. Saíndo dende a posición de lateral, o futbolista de Valboa avanzou pola banda esquerda ata enviar un balón raso que se colou tan pegado ao pau que fixo que a incredulidade nas bancadas fose aínda maior. Os gritos, os xestos, as expresións de xúbilo apropiáronse da afección visitante e dun Luis Barral que a duras penas podía conter a emoción. O que falta de intensidade, os despistes defensivos e a excelente actuación do meta Anxo Souto impediran viuse compensado cando a xustiza fixo a súa aparición de forma inesperada en As Extremas. "Eses son os xogadores que me gustan a min, os que nunca se renden". As palabras de Luis Barral quedarán na memoria duns rapaces e rapazas en formación e que de seguro que agora comprenderán que o esforzo, o sacrificio e a loita ata o último momento son premisas fundamentais para superar con éxito os obstáculos que se poden presentar na vida. Sen apenas tempo a dixerir este amplo repertorio de emocións este sábado chega outra proba. Será a esixente cita ante a E.F. Villa de Marín e será de novo o momento para que o valor e a afouteza de As Extremas volvan aflorar para manter ao Armenteira C.F. na pugna por un título de liga que non visita as vitrinas de O Leixo dende fai dezasete anos.








Ningún comentario:

Publicar un comentario