Buscar neste blog

luns, 15 de maio de 2017

Cos pés na terra desembarca este martes en A Armenteira

O programa da CRTVG Cos pés na terra chega este martes a A Armenteira da man de A Horta de San Ero, un pequeno negocio rural posto en marcha por María Carramal, unha moza da parroquia que decidiu facer do campo e dos recursos locais un xeito de vida. As cámaras acompañarán a María durante toda a súa xornada laboral. O traballo na horta, a venda na praza de abastos, o reparto polos establecementos comerciais e todo un conxunto de tarefas que realiza diariamente serán gravados para un programa que se emite na noite dos martes a partires das 22:30 horas e no que tres protagonistas, tres historias e tres vidas distintas se entrelazan. Para rematar, e para tomarse un descanso tras unha dura xornada, María e os reporteiros desprazaranse ata A Peneira. Tapería Rural, un local de hostalería que abriu recentemente as súas portas na nosa parroquia, onde se elaborará un menú cos produtos de A Horta de San Ero. As hortalizas, as legumes, as froitas, as verduras, as plantas aromáticas as flores comestibles e toda a gran variedade de produtos de agricultura ecolóxica que con tanto cariño e dedicación cultiva María na súa explotación de Vilar serán os protagonistas dunha historia da que aínda se descoñece a data de emisión, pero que volverá levar a A Armenteira aos fogares de toda Galicia e de todos os recunchos do mundo a través da pequena pantalla.






Ningún comentario:

Publicar un comentario