Buscar neste blog

domingo, 7 de maio de 2017

Proba superada polo equipo alevín do Armenteira C.F. en Corón para seguir na loita polo título

O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu superar unha nova proba na loita polo título que lle permite seguir na dura pugna co C. Xuventú Sanxenxo que parece que vai deparar unha intensa e emocionante recta final do campionato ligueiro. O escenario non foi outro que o campo de Monte Redondo, en Corón, onde a escadra de O Leixo logrou vencer por dous goles a oito. O cadro técnico que forman Luis e Alba Barral presentou un cinco inicial con Sara Otero na portería, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior polos costados, Íñigo no mediocentro e Brais Santamaría en ataque. A principal novidade era a presenza baixo os paus da xogadora de categoría benxamín Sara Otero, unha rapaza á que sen dúbida se pode aplicar un dos substantivos de moda, afouteza, xa as gañas e o atrevemento que sempre mostra a fixeron progresar e de seguro que a farán chegar lonxe no mundo do fútbol feminino. Axiña tomaría vantaxe o conxunto verdinegro. Foi nunha gran xogada individual de Junior na que se plantou diante do meta Cibrán Santorum e o bateu con gran frialdade. Apenas dous minutos despois Brais Santamaría aproveitaría un erro defensivo da S.D. Chispa para, só ante o meta dos Corón, enviar o coiro ao fondo das mallas. Unha cabezada de Íñigo, outra xogada individual culminada por Junior e unha internada por banda dereita de Manu Meixús, na que cruzou con sutileza o balón ao interior da portería rival, porían un cero a cinco no marcador co que se chegaría ao descanso co encontro prácticamente resolto para os de A Armenteira. Á volta do tempo de lecer un libre indirecto colgado por Adri non puido ser despexado pola defensa celeste e acabou batendo a Iria Ferreiro, que ocupou a portería local durante este segundo período. A relaxación do Armenteira C.F. e o aumento da intensidade do conxunto de Corón permitiron que estes se fixesen co dominio durante os minutos finais, e froito dese dominio Cristian Diz acadaría dous tantos que ergueron os ánimos da decaída bancada local. Pero non houbo marxe á emoción e Íñigo empalmando unha excepcional volea e logo mediante unha acción individual na que deixou atrás a varios rivais completaría o seu particular hat-trick e fixaría o resultado de dous goles a oito co que remataron os cincuenta minutos. Con este triunfo a escadra que comanda Luis Barral continúa na segunda posición, con corenta e tres puntos, a un do C. Xuventú Sanxenxo. A próxima fin de semana estes rapaces e rapazas terán unha nova proba ante a Integración Deportiva Pontevedra C.F., un equipo que se sitúa na undécima posición con nove puntos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario