O equipo alevín do Armenteira C.F. conseguiu unha clara vitoria por catro goles a un ante a Integración Deportiva Pontevedra C.F. no partido disputado na tarde deste sábado no campo de O Leixo. Con todo, foi unha vitoria non demasiado brillante e bastante deslucida. Deslucida pola choiva, polo deficiente estado do terreo de xogo, cuberto pola lama, e pola escasa inspiración que mostraron os rapaces e rapazas que dirixe Luis Barral. O técnico de Barrantes presentou un sete inicial con Sergio Matilde baixo paus, Fran e Adri como centrais, Javi por diante da defensa, Manu Meixús e Junior polos costados, Íñigo no mediocentro e Brais Santamaría como xogador máis avanzado. Non comezaron ben as cousas para o cadro local. Co vento en conta, e aproveitando as imprecisións que acompañaron aos locais durante os cincuenta minutos, a I. Deportiva Pontevedra C.F. parecía tomar a iniciativa. Fronte a elo, os contraataques do Armenteira C.F. servían para contrarrestar o infructuoso dominio dos da capital de provincia. No primeiro deles Manu Meixús atopouse coa acertada saída de Jonatan Pombo. Non perdoaría o extremo de Couso na seguinte oportunidade da que dispuxo. Unha internada súa pola banda dereita era culminada por el mesmo case sen ángulo con gran sutileza. Unha arrincada co balón de Fran, que partindo da defensa levouse o balón como se dun extremo dereito se tratase, deu lugar ao segundo tanto para os de A Armenteira. Jonatan Pombo non puido atallar o potente disparo de Fran e Brais Santamaría, moi atento, recolleu o rexeitamento e puxo o segundo tanto no marcador para a formación local. Tras o descanso, agora coa forza do vento do seu lado, o Armenteira C.F. asumiu claramente o mando do xogo. As accións trasladáronse á metade do terreo de xogo defendida polos de Pontevedra. As ocasións de gol sucedíanse, pero a axilidade de Jonatan Pombo e o escaso acerto dos locais, impedíanlles marcar distancias. Unha ben trazada xogada colectiva foi culminada dentro da área por Íñigo, cun tiro que se colou uns centímetros por debaixo do pau longueiro. A habilidade de Junior, especialmente activo na tarde deste sábado, quedaría patente no cuarto tanto para os seus. Un contragolpe do Indepo deixaría o coiro nas botas de Adrián Vázquez, un dos máximo artilleiros do grupo, e que tamén quixo deixar constancia en O Leixo do seu potencial goleador. Habería máis ocasións para o Armenteira C.F. pero a falta de puntería e a axilidade do meta visitante impedirían que o marcador se movese. Esta vitoria por catro tantos a un mantén ao conxunto alevín do Armenteira C.F. na segunda posición, a un punto do líder, o C. Xuventú Sanxenxo. O cadro que adestra Luis Barral deberá aparcar de forma momentánea a atención ao campionato de liga, pois o luns terán que visitar o campo Municipal de Monteporreiro para enfrontarse na primeira rolda da Copa Deputación á E.F. Portero 2000, una potente escadra, que ocupa a primeira posición no grupo 62A.
Ningún comentario:
Publicar un comentario