Buscar neste blog

domingo, 21 de maio de 2017

A S.D. Noalla, campiona da I Copa Armenteira

A S.D. Noalla logrouse proclamarse campión da I COPA ARMENTEIRA. Torneo Concello de Meis que se disputou este sábado no campo de O Leixo. O cadro dirixido por Pedro Vera exhibiu un excelente nivel durante toda unha competición que destacou polo excepcional ambiente que se viviu nas instalacións deportivas do lugar de O Busto. As excelentes condicións meteorolóxicas animaron a moitos a afeccionados e afeccionadas a asistir a un torneo que a Xunta Directiva do Armenteira C.F. decidiu pór en marcha esta temporada para reafirmar a súa aposta polo fútbol feminino. Encadrados en dous grupos de catro equipos, Umia C.F., C. Juventud Cambados "B", Atlético Estrada E.D., C. Juventud Cambados "A", Atlético Arousana, S.D. Noalla, C. Mamis Arnelas F.C. e o Armenteira C.F. competiron pola mañá nunha primeira fase en sistema de liguiña que deparou unhas eliminatorias que se disputaron pola tarde e nas que se mediron Umia C.F. e S.D. Noalla e  Atlético Arousana e Atlético Estrada E.D. na loita por unha plaza na final da fase de campións, mentres que o C. Mamis Arnelas F.C. e o Armenteira C.F. pasaban directamente á final da fase de consolación, na que o conxunto anfitrión conseguiría alzarse co título ao impoñerse nos lanzamentos dende o punto de penalti. Pola súa contra, S.D. Noalla e Atlético Arousana lograban acceder á final de campións, deixando ao Umia C.F. e ao Atlético Estrada E.D. pelexando por unha terceira posición que acabarían conseguindo as de terras de Tabeirós. Na gran final, a S.D. Noalla e o Atlético Arousana, que xa se atoparan na primeira fase, na que venceran as arousanas, ofreceron un bonito espectáculo, con alternativas dun lado e do outro. A calidade de futbolistas como María Otero ou Marta Arís polas de Sanxenxo e de Ana González ou María Vázquez polas arousanas deleitaron a un público que tivo que ver como os sempre crueis lanzamentos dende o punto de penalti decidirían o equipo que inscribiría o seu nome na primeira edición desta competición. O maior acerto das de A Lanzada daríalle o trofeo de campionas, que lle sería entregado de mans do alcalde do concello de Meis, José Luis Pérez. O rexidor meisino estivo á fronte dun amplo elenco de autoridades que se deron cita en O Leixo, e que participaron nunha entrega de galardóns na que, ademais dos equipos participantes, foron recoñecidos os méritos de mulleres que contribuíron coa súa labor a engrandecer a historia do Armenteira C.F. Cristina, Lucía, Pili, Lupe e Rosa, antigas directivas da entidade verdinegra, Eva López, unha das primeiras xogadoras da historia do clube, e que coa súa existosa traxectoria abriu o camiño a moitas outras e á creación dun equipo feminino na presente temporada, e Anabel Piñeiro, a futbolista que máis tempo leva militando no Armenteira C.F. das que pertencen actualmente á entidade, tamén recibiron o seu merecido galardón. A nota negativa da xornada tivo lugar cando ía dar comezo a gran final, aínda que afortunadamente só rematou nun susto. O esvaecemento dunha xogadora do Atlético Estrada levou o pánico e a preocupación ás bancadas e fixo necesaria a presenza dunha ambulancia medicalizada, que se presentou en O Leixo aproximadamente trinta minutos despois do suceso.













Ningún comentario:

Publicar un comentario