Unha bandeira é un cacho de tea, de forma normalmente rectangular, que soe colgarse dunha hasta por un dos seus lados e que se emprega como emblema ou sinal dun Estado, dunha cidade ou dunha institución. Pero por bandeira tamén se entende a causa que se defende ou pola que se toma partido. Bandeiras hai de varios tipos, con distintas cores, distintos símbolos e no seu nome téñense emprendido diversos tipos de movementos e iniciativas. Nos tempos que vivivos as bandeiras son motivo de disputa, de apropiación, de exclusión e usadas como arma arroxadiza por nacionalismos de toda clase. No mundo do deporte as bandeiras tamén se utilizan como símbolos representativos. Enchen de cor os estadios e nelas envólvese afeccións que fan seus os éxitos acados sobre canchas ou terreos de xogo. Menos común é velas nos clubes máis modestos. A extensión e a popularización do merchandising ata as categorías máis humildes puxo á súa disposición emblemas que lles permiten equipararse, salvando as distancias, aos grandes trasatlánticos do deporte mundial. O Armenteira C.F. non quería ser menos. Dende a súa creación, aló por setembro de 1995, o clube de O Leixo non dispuxo dunha bandeira propiamente dita. O esforzo e a imaxinación de pais e nais dos rapaces conseguira darlle forma a un tapete que veu cumprindo dignamente durante varios anos a función de bandeira. Aínda que o soño da entidade que actualmente preside Martín Casais era posuír un emblema á altura da doutros clubes, xeralmente superiores en recursos, pero que nada teñen que envexar en gañas e ilusión a este modesto clube das ladeiras do Castrove. A colaboración da empresa local Aquarei Public fixo o resto. Dende fai uns anos o seu xerente atende as moitas veces aloucadas ideas dos dirixentes da entidade verdinegra e transfórmaas en pancartas publicitarias, camisetas e material de diverso tipo que encheu de colorido e deu unha renovada imaxe a unhas instalacións tan austeras como as de o campo de O Leixo. A asistencia o xoves 5 de abril dunha expedición do Armenteira C.F. a un famoso programa da televisión autonómica acelerou o encargo, e esta fin de semana terá lugar a estrea. Á bandeira como causa, que en forma de respecto, humildade, familiaridade, solidariedade ou de compromiso coa formación e a educación indiscutiblemente veu identificando ao clube dende a súa creación, unirase agora unha enseña de tea verde e negra, co escudo remarcado en branco no medio. Ondeará con orgullo no alto de O Busto e será o cumio a un traballo de moitos anos e un símbolo, por moi banal que pareza, do crecemento dun proxecto que botaron a andar Julio Serén e "Barreiras" fai case 23 anos e que temporada a temporada non deixa de progresar, e que non coñece máis límites que o horizonte dos soños de todos e todas os que compoñen unha familia que na actualidade conta con 99 licenzas sobre o terreo de xogo e moitos outros corazóns latexando dende a bancada para manter máis viva ca nunca esa ilusión.
Ningún comentario:
Publicar un comentario