Dous anos despois da creación dun equipo na categoría sénior feminina a Xunta Directiva quere reforar para a temporada 2018/2109 a súa aposta polo fútbol feminino. Ademais do terceiro proxecto para a categoría sénior, do que se están preparando os últimos detalles antes de que bote a andar nas próximas semanas, este ano queren prestar especial atención á formación das nenas futbolistas nas categorías de base. A proposta da Real Federación Galega de Fútbol de crear unha nova competición, que sería exclusivamente feminina, que abranguería as categorías alevín, benxamín e prebenxamín, e na que poderían xogar todas as rapazas que se inclúen na franxa de idade que corresponde a esas categorías, fixo que a entidade rectora do Armenteira C.F. non dubidara dende o primeiro momento en sumarse a este novo e interesante proxecto que impulsa a institución que preside Rafael Louzán. Sería a primeira competición deste tipo na historia do fútbol galego, aínda que debe ser refrendada na Asemblea Xeral que se celebrará o luns de 30 de xullo na sede da Federación en Santiago de Compostela, e ademais será tratada na reunión que esta mesma institución convocou para os clubes con fútbol feminino para o mércores 1 de agosto, a celebrar tamén na capital de Galicia. Por este motivo, dende o clube que dirixe Martín Casais fan un chamamento a todas aquelas nenas que teñan entre e 6 e 12 anos, que lles guste o fútbol e teñan gañas de unirse a este proxecto a que se poñan en contacto co clube de O Leixo. Ao mesmo tempo queren lembrar que as rapazas que teñan doce anos poden xa participar na categoría sénior, para o cal o Armenteira C.F. abriu xa o prazo de inscrición. Trátase dunha novo e renovado desafío dun clube modesto e humilde, pero con moitas gañas de medrar e progresar, que volve centrar os seus esforzos nunha modalidade, como é a o do fútbol feminino, na que na pasada temporada dispuxo dunha trintena de licenzas federativas, unha cifra na que supera a boa parte dos clubes da contorna.
O territorio da parroquia de A Armenteira volverá ser este domingo 8 de xullo un punto de referencia para unha ruta dun deporte á alza como o da BTT (bicicletas todo terreo). Será co motivo do desenvolvemento da quinta edición da quinta edición da BTT dos Callos, que partirá dende a Praza de España, en O Mosteiro, percorrendo boa parte das parroquias do Concello de Meis, con especial protagonismo do entorno das ladeiras do Monte Castrove, en particular zonas pertencentes a A Armenteira. A saída terá lugar ás 9:30 horas, mentres que hora tope de finalización está fixada para as 14:30 horas. Haberá dúas rutas, unha de distancia curta cunha distancia de 35 aproximadamente quilómetros, e unha de distancia longa cunha distancia aproximada de 40 quilómetros. O tempo estimado para completar os treitos está marcado pola organización en 5 horas e 30 minutos. A actividade iniciarase coa recollida de dorsais entre as 8:00 e as 9:00 horas. Ademais da ruta en bicicleta este ano o equipo de organización decidiu realizar por segundo ano consecutivo unha andaina, que partirá tamén do mesmo lugar, a Praza de España de O Mosteiro, ás 10:00 horas e percorrerá un traxecto similar ao que realizará quen o faga sobre bicicleta. Neste caso a hora tope de finalización está fixada para as 13:00 horas, nas que se deberán completar un traxecto de 15 quilómetros, e comezará tamén co acto de recollida de dorsais, que terá lugar entre as 8:00 e as 9:00 horas. A proba, consolidada xa plenamente dentro do panorama da especialidade, terá paso e parada obrigada en A Armenteira, onde se instalará un punto de avituallamento nas proximidades do mosteiro cisterciense. O papel fundamental do clube Armenteiraepunto na organización do evento e no desezo do trazado fixeron que de novo A Armenteira se converta en referencia para unha modalidade deportiva que ano tras ano gaña adeptos. As características do entorno e as excelentes condicións do terreo fan da parroquia un excenario privilexiado para a práctica deportiva, en especial naquelas especialidades que buscan un maior contacto coa natureza, un feito que é aproveitado por clubes e institucións para deseñar probas nas que A Armenteira constitúe un punto fundamental no seu desenvolvemento ou no seu trazado. Colectivos como a Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira xa mostraron a súa disposición a colaborar coa organización da proba e a formar parte do grupo de voluntarios e voluntarias que se encargará de distribuír o avituallamento entre os participantes ao seu paso pola parroquia.