Cando xa falta pouco para que comece a pretemporada os clubes de fútbol viven días unha época frenética na que a planificación da temporada que se iniciará en apenas un mes cobra protagonismo. Listaxes do plantel de xogadores e xogadoras, análise das súas características, deseño da configuración dos equipos, negociacións e contratacións, encargo das equipacións oficiais... convértense na tónica habitual nestas datas de verán. O Armenteira C.F. non ía ser menos. Tras unha temporada longa e exitosa, na que o cumio se acadou cos subcampionatos na Copa Deputación de Pontevedra nas categorías xuvenil e alevín, na modalidade de fútbol-8, e coa celebración da II COPA ARMENTEIRA, a entidade que preside Martín Casais centra agora os seus esforzos en perfilar unha campaña que se presenta dura e esixente. Dende logo que o listón está alto, cinco equipos en competición e máis de cen licenzas federativas contemplaron esta campaña a un clube que se move dentro dunha modestia e unha escaseza de recursos que sobresaen respecto dos resto dos demais clubes da contorna. Pero o Armenteira C.F. ten por costume non renderse e para o curso que partirá o próximo mes de agosto prepara un proxecto co que tratará de volver ilusionar aos compoñentes da gran familia verdinegra. A aposta está clara: por un lado renovación e polo outro continuidade. E, para comezar, e como é lóxico, esta filosofía será aplicada nos banquillos. Marcial Prado, Luis Barral, Alba Barral e Jonathan Crespo foron os membros do corpo técnico que remataron no cargo a pasada campaña. Para eles ten reservado a Xunta Directiva e a coordinación deportiva, encargados desta misión, un papel importante, e serán tidos moi en conta na planificación que se está levando a cabo. Xunto a eles, vense contactando e negociando con varios técnicos da comarca que reforcen e dean un aire novo a esta área do clube. Neste senso algunha incorporación parece xa confirmada, e, é máis ca posible que en poucos días a entidade confirme oficialmente algunha noticia ao respecto. Mentres tanto, as labores de planificación e as negociacións continúan no seu apoxeo, e, segundo sinalan tanto dende a Xunta Directiva como dende a coordinación deportiva, seguen abertos a contactar con todas aquelas persoas que desexen unirse ao proxecto do Armenteira C.F. ben sexa formando parte do corpo técnico, do plantel de futbolistas e en calquera outra responsabilidade relacionada co clube. As vantaxes, lembran, son numerosas: excelente ambiente de traballo, trato familiar, condicións e material idóneo para a práctica deportiva, seriedade e regularidade nos pagamentos e inscrición totalmente gratuíta no caso dos xogadores e xogadoras. Para elo, as persoas interesadas só teñen que poñerse en contacto co clube a través dos números de teléfono 678647709 ou 677225487 ou dos enderezos electrónicos armenteiracf@hotmail.com ou armenteiracf1995@gmail.com. E sempre, como recalcan os responsables da entidade, e encargados desta complexa e arriscada tarefa, o obxectivo debe estar, por enriba de calquera interese particular, en lograr o benestar común, de todos e cada un dos que forman parte da gran familia que vén sendo do Armenteira C.F. dende que botou a andar aló por setembro de 1995.
Ningún comentario:
Publicar un comentario