Cando a mediados do século XIX un novo xénero musical nacía na zona de Nova Orleans, no estado de Luisiana, no sur dos Estados Unidos, poucas, ou quizais ningunha persoa, podería imaxinar que os seus ritmos acabarían chegando algún día a A Armenteira. Pero ese estilo, o que se coñecería como jazz, rapidamente se extendeu non só polo país no que xurdiu, senón tamén polo resto do mundo. Dúas son as principais claves deste éxito. Dun lado a enorme capacidade deste estilo para mesturarse con outros xéneros e así crear novos estilos como o rock and roll, e, doutro lado, porque a base de interpretación do jazz é a improvisación. Cada intérprete recrea libremente a execución de cada tema, partindo dunha determinada estrutura. Polo tanto, é esta improvisación a que diferencia ao jazz doutros estilos da tradición musical occidental, que son moito máis ríxidos neste sentido. Baseado nos ritmos e melodías afroamericanas, traídas ao novo continente pola poboación escrava que era trasladada ao sur dos Estados Unidos para traballar nas grandes prantacións, esta marca de orixe ten o seu reflexo nos instrumentos utilizados. Estes divídense en rítmicos, como a batería e o contrabaixo, e melódicos, como o piano, a trompeta, o saxofón e o banjo. E todo isto é interpretado en agrupacións moi variadas, que poden ir dende un instrumento cun solista a grandes bandas de ata 50 músicos. As agrupacións máis comúns son o trío, formado xeralmente por dous instrumentos rítmicos, batería e contrabaixo na maior parte dos casos, e un melódico, que soe ser o piano ou a guitarra. Outro tipo de agrupación común no jazz é o cuarteto, que consiste en engadir ao un trío un instrumento de vento, normalmente unha trompeta ou un saxofón, que en caso de engadirse os dous darían lugar a un quinteto. E cando unha orquestra está composta por múltiples integrantes, estámonos referindo a unha big band, que soen contar cunha sección de ritmo, con piano, contrabaixo, batería e guitarra, e outra de vento, con saxofóns, trompetas e trombóns. Entre as principais figuras da historia do jazz e que de seguro calquera bo afeccionado á música como mínimo oiu falar deles, estarían o compositor, arreglista e pianista Duke Ellington, a cantante Billie Holiday, e, sobre todo, o cantante, trompetista e director Louis Amstrong.
Buscar neste blog
mércores, 11 de xullo de 2018
O jazz regresa por terceira edición a A Armenteira en forma de festival
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario