Buscar neste blog

mércores, 18 de xullo de 2018

A ruta que debe marcar a ruta

Conta a historia, e, en parte tamén a lenda, que aló polo século XII vivía en A Armenteira un nobre que, canso e aburrido do mundo e das súas intrigas e ruindades, decidiu retirarse ao seu pazo, nas xa entón tranquilas ladeiras do Monte Castrove, para adicarse á oración e á penitencia. O rei Alfonso X o Sabio recolle nas súas famosas Cantigas de Santa María, en concreto na número 103, como Don Ero, este soñador e bucólico nobre, se adentrou un día na horta que tantas veces visitaba, e alí atopou unha fonte de auga clara e murmurante, parecéndolle o lugar ideal para un apacible reposo á sombra das frondosas árbores que cubrían o entorno dunha zona á que a partires de entón pasou a coñecerse como Valdedeus. Entón, nunha galla dunha desas árbores, que aínda hoxe seguen tendo unha presenza destacada no enclave, comezou a cantar unha paxariña. Tan harmonioso e agradable era o canto da paxariña que o vello monxe esqueceu que o tempo transcurría e sentado sobre a brandura da verde herba, ao pé daquela fonte de auga clara, quedouse escoitando embelesado os cánticos daquela paxariña. Nada máis que trescentos anos foron os que discorreron dende que Don Ero iniciara tan plácida contemplación, un tempo que a el lle pareceu unicamente un intre.

Moitos anos despois, xa no século XVIII, sería outro monxe, obsérvese a importancia do compoñente relixioso e da vida monacal neste entorno, o que protagonizaría outro episodio tinguido de historia e lenda. Ese non era outro qu Pedro José Balboa, coñecido como Frei Martín Sarmiento. Este personaxe nacera en Villafranca del Bierzo, na provincia de León, a finais do século XVII. Herdeiro dunha familia nobre, o Pai Sarmiento trasladouse a Pontevedra poucos meses despois do seu nacemento, e foi nesta cidade na que transcurriu a súa infancia. Tras tomar o hábito da Orde Beneditina e completar a súa formación profesional e intelectual, o monxe berciano centrou os seus esforzos en loitar contra a superstición e a ignorancia, na liña co espírito da época da Ilustración á que pertencía. O seu interese non se limitaba exclusivamente a temas relixiosos e históricos, senón que tamén abordou disciplinas como a botánica e a medicina. Profundamente preocupado por fomentar o progreso técnico e económico de Galicia, recolle nas súas obras as súas inquedanzas e a súa visión dunha terra que o acolleu e que axiña fixo propia. Entre elas está Viaje a Galicia, publicado en 1745, no que o Pai Sarmiento explica a súa peregrinación por diversos lugares, entre os cales se atopa A Armenteira e a fermosa comarca de O Salnés. Na actualidade, esta ruta foi convertida nun sendeiro turístico que percorre aproximadamente uns 190 quilómetros, bordeando a costa das Rías Baixas, pasando por terras de concellos como Pontevedra, Sanxenxo, O Grove, Cambados, A Illa de Arousa, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Padrón, Teo e Santiago de Compostela.

Con tan dignos e honorables precedentes é de entender que hoxe pasear, perderse polos currunchos ou viaxar ata a A Armenteira siga resultando atractivo para un gran número de persoas. Nas cabeceiras dos xornais ou nos informativos de radio e televisión teñen cabida as frecuentes visitas de destacadas figuras da política, pero son moitas outras máis persoas, de carácter anónimo as que nos visitan. En datas de Semana Santa, e, sobre todo, no verán, a Ruta da Pedra e da Auga e o entorno do mosteiro cisterciense convértense nun fervedoiro turístico á altura das zonas da costa ou cidades con maior atractivo neste sentido. A apertura en 2009 deste sendeiro a carón do río Armenteira sacou á luz un tesouro no que a riqueza natural, os muíños ou as fervenzas non deixan de abraiar aos camiñantes que ao longo do ano deciden iniciar esta particular aventura dende a parroquia de Barrantes. O traballo de recuperación que por aquel entón levara a cabo a técnica Marta Lucio e a Deputación Provincial de Pontevedra, que presidía o ribadumiense Rafael Louzán, situou definitivamente a A Armenteira como un referente do turismo a nivel comarcal e provincial. Unha década despois a Ruta da Pedra e da Auga experimentou un notable crecemento tanto no relativo á afluencia como aos recursos que ofrecer aos visitantes. O enorme patrimonio histórico, artístico, natural e etnográfico que agocha esta ruta fan dela un dos tesouros máis valiosos das Rías Baixas, aínda que ben é certo, e así se pode observar, que nos últimos anos as labores de mantemento e conservación se relaxaron de forma evidente. Ademais das melloras na conservación, que nunca deben pretender humanizar este espazo ao modo dun parque urbano, sería preciso aumentar e complementar os incentivos turísticos. A continuación do sendeiro cara a novas zonas podería ser unha idea interesante. Áreas como a do conxunto arqueolóxico do Outeiro do Cribo, cos seus coñecidos petróglifos, os Outeiros do Cribo, as ribeiras do regato que desemboca no Batán ou do que desemboca na Ponte do Río Grande en Couso son algunhas das zonas de gran valor para completar esta rede de sendeiros. Pero non só as áreas próximas aos cursos dos ríos e regatos, senón que existen moitas outras que enorme interese para estes fins. Que dicir de Valdedeus, ou dos castros de Castiñeira, Fofán ou Gondes! En definitiva, a abundancia de recursos e as posibilidades de explotación son considerables. E se a todo elo lle engadimos actividades e infraesturas que reforcen este poder de atracción sería sobresaínte. Fai anos, curiosamente durante unha campaña electoral, hai quen mencionou a idea de crear unha área recreativa e deportiva nos arredores do colexio, a Casa de Cultura e o campo da festa. Aproveitando a tan desexada concentración parcelaria reservaríanse uns terreos para uso público e neles terían cabida espazos para acampada, merendeiro, sendeirismo, BTT, hípica, deportes varios, e incluso para reubicar algún día o campo de fútbol da parroquia. Pero, como todo, a nula iniciativa, a demora na concentración parcelaria e a falta de financiación deixaron a esta idea nunha simple ocurrencia con escasos visos de levarse a cabo. O impulso ao proxecto do parque acuático na veciña parroquia de San Vicente de Nogueira e a proximidade duns novos comicios electorais parecen indicar que os tempos é posible que muden, e estas ideas, por moi utópicas e idealistas que semellen, sexan, polo menos, valoradas, estudadas e tidas en conta. Pode ser que entón que a ruta, o camiño, que no seu día contemplou a apertura da Ruta da Pedra e da Auga teña verdadeira continuidade e consolide e fortaleza os bens e as opcións de futuro de A Armenteira como ese paraíso histórico, artístico, cultural, relixioso e natural que sen dúbida é.


Ningún comentario:

Publicar un comentario