Buscar neste blog

mércores, 25 de xullo de 2018

A Santiago vou... dende A Armenteira

Como dicía aquela famosa canción de Los Tamara, Santiago de Compostela era e segue sendo lugar de destino de moitos camiños. Dende fai uns anos por A Armenteira transcorre unha desas rutas, a denominada Variante Espiritual do Camiño Portugués, e despois da súa posta en marcha o número de peregrinos que optan por realizar este itinerario non fixo máis ca aumentar. A xulgar polas súas impresións a empresa paga a pena. O carácter agreste da subida dende Combarro ata a Cruz de Bernabeu, o paso por xunto aos petróglifos do Outeiro do Cribo, a pausa obrigada no mosteiro cirterciense de A Armenteira e nos seus arredores, a baixada pola Ruta da Pedra e da Auga ou a continuación a carón do río Umia ata chegar a Vilanova de Arousa para alí tomar un barco para cruzar a ría de Arousa, supoñen unha experiencia tremendamente atractiva para moitas persoas que deciden desprazarse a Santiago por este itinerario alternativo, pero cada vez máis demandado. Con todo, incluso antes de que esta lexión de peregrinos comezase a facer parada e fonda en A Armenteira, un grupo de mozos da parroquia iniciou unha peregrinación que co tempo acabou por converterse nunha tradición. No seu caso o medio de transporte é a bicicleta, e, ataviados coa roupa deportiva axeitada para este deporte, ano tras ano, veñen realizando esta particular viaxe co motivo da celebración da celebración do día de Santiago Apóstolo, o Día de Galicia. Partindo a noite do 24 de xullo, e tras percorrer os camiños que marca a ruta do Camiño Portugués, á mañá do día 25 sempre fan a súa chegada a Compostela, feito que é refrendando coa tradicional foto na Praza do Obradoiro, diante da fachada da catedral. A expedición que nesta ocasión organizou Joserra Carro fixo o percorrido nun tempo récord. Nada menos que catro horas investiu en completar os máis de 60 quilómetros que compoñen o traxecto ata Compostela, tendo tempo incluso para realizar unha parada para repoñer forzas. Máis relaxada, como soe ser frecuente, foi a viaxe de volta. Aparte das cervexas e os pinchos, a tapa de pulpo e o viño do país constitúen un hábito para este grupo de mozos de A Armenteira, que lembra con nostalxia a Javier Martínez "Chicho", un dos seus membros máis implicados e activos, que durante anos formou parte desta expedición e que perdeu a vida nun tráxico accidente de tráfico en novembro de 2016.


Ningún comentario:

Publicar un comentario