Buscar neste blog

xoves, 5 de xullo de 2018

Unha asemblea para pechar, marcar e abrir camiño

A Asemblea Xeral Ordinaria que o Armenteira C.F. celebrará este venres 6 de xullo a partires das 20:30 horas será unha asemblea decisiva, que servirá para marcar o rumbo dunha entidade que cumpre xa vintetrés anos de historia. Podería decirse que será unha asemblea a medio camiño, non só polo lugar elixido para o desenvolvemento do acto, a Casa de Cultura da parroquia, un edificio que na súa parte baixa conta cun albergue para os peregrinos que percorren a denominada Variante Espiritual do Camiño Portugués a Santiago de Compostela, senón porque, fundamentalmente, servirá para facer balance da temporada que vén de rematar, a 2017/2018, e para presentar e informar respecto do proxecto para a temporada 2018/2019. É, polo tanto, un momento clave para a entidade de O Leixo, que na última campaña experimentou un notable crecemento tanto en canto a número de licenzas como de equipos, converténdose na primeira entidade a nivel futbolístico a nivel do concello de Meis. Con todo, segundo sinalan dende indican dende a Xunta Directiva, seguen acusando unha evidente falta de apoios e investimentos por parte das institucións públicas e dispoñen dunhas instalacións que non se corresponden coas que debe contar un clube do nivel que acadou o Armenteira C.F. Con case cen licenzas federativas, con cinco equipos federados, ademais do que aporta e significa o Armenteira Veteranos, as instalacións do campo do O Leixo móstranse cada vez máis insuficientes para o grao de uso que soporta durante os adestramentos e os partidos que acolle semana tras semana. Esta é unha das principais demandas que os representantes da entidade verdinegra veñen facendo durante os últimos anos, pero non a única. A entregada labor que realiza o amplo número de persoas que compoñen o clube, con iniciativas de diverso tipo, que destacan pola súa orixinalidade, como son a participación e organización de eventos, tales como a II COPA ARMENTEIRA, que tivo lugar o pasado 10 de xuño, son unha clara mostra da aposta polo fútbol dun clube que este venres volverá a trazar as liñas de futuro de cara a unha nova temporada. No acto aproveitarase tamén a ocasión para recoller a equipación que xogadores e xogadoras usaron ao longo do ano, ademais de dar cabida á correspondente quenda de rogos e preguntas. Será de novo nunha Casa de Cultura que non volverá ter a disposición dos usuarios conexión á rede wifi, unha reivindicación que os distintos colectivos veciñais que utilizan o edificio veñen facendo dende fai tempo, pero que parece non ser atendida dende o Concello de Meis. Curiosamente, no albergue de peregrinos si contan con este servizo, feito que é considerado como unha discriminación e un desagravio para as asociacións que existen na parroquia, e que precisan da conexión a internet para as reunións, xuntanzas, cursos e demais eventos e actividades que se organizan no local.


Ningún comentario:

Publicar un comentario