O naufraxio do Dorneda, un buque da empresa Freiremar, de bandeira española e con base no porto de Vigo, encheu de drama, nerviosismo e preocupación a varias familias orixinarias ou con residencia en Galicia. Entre elas atopábase a de D.T.L., residente na parroquia de Simes, no Concello de Meaño, un dos 27 tripulantes do pesqueiro que se afundiu o pasado 10 de xullo á altura de Comodoro Ribadavia, fronte á costa de Arxentina. Do total da tripulación existían representantes, aparte de nacionalidade española, das nacionalides peruana, indonesia e marroquí, aínda que se produce certa confusión en canto as cifras aportadas en cada caso. Segundo confirmaron tanto dende a embaixada española no país americano como dende o consulado de Bahía Blanca hai unha vítima mortal, mentres que outra persoa figura como desaparecida. Ámbolos dous son de nacionalidade peruana. A intervención da Armada Arxentina permitiu rescatar con vida aos mariños superviventes, e trasladalos, xunto ao corpo do falecido, ata o porto da cidade de Puerto Madryn, onde foron ingresados nun centro hospitalario para ser sometidos a un recoñecemento médico. D.T.L. é unha persoa bastante coñecida na parroquia de A Armenteira e na comarca de O Salnés. Formou parte do equipo xuvenil do Armenteira C.F. na temporada 2012/2013, e pertence a unha familia estreitamente vencellada co clube, pois o seu irmán vén estando ligado á entidade verdinegra dende a categoría benxamín, militando actualmente no conxunto xuvenil. As últimas novas son alentadoras, posto que indican que tras tomar terra nos pasados días e comprobar que o seu estado de saúde é satisfactorio, aterrará en territorio español este mércores 18 de xullo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario