Buscar neste blog

martes, 24 de xullo de 2018

Outra experiencia diante das cámaras

A asistencia á gravación do programa da CRTVG Bamboleo que este luns 23 de xullo realizou unha expedición organizada conxuntamente pola ASOCIACIÓN DE VECIÑOS E VECIÑAS DE A ARMENTEIRA e o ARMENTEIIRA supón, para moitas das persoas que participaron, unha experiencia máis ante os medios de comunicación. Nos últimos tempos estase a convertir nunha costume a presenza diante das cámaras de televisión, ante os micrófonos da radio ou nas páxinas da prensa escrita de representantes destas entidades ou de persoas directa ou indirectamente relacionadas con elas. De feito, boa parte dos asistentes ao Bamboleo xa acudiran o pasado mes de abril ao escenario desta gravación, o Plató 1.000, na localidade de Montouto, no concello de Teo, naquela ocasión co motivo da retransmisión dunha edición semanal do Land Rober Tunai Show. "Estas iniciativas responden á demanda da xente á que representamos. Con elas pretendemos ofrecer unha alternativa de ocio que trascende os ámbitos nos que nos movemos habitualmente" afirmou un dos responsables das institucións que organizaron a expedición. "O bo ambiente que fomentan e o carácter desenfadado destas actividades contribúen a reforzar o espírito de grupo, algo moi importante e que sempre soe ser valorado polos integrantes das nosas asociacións" continou sinalando. Outra das representantes da expedición, en concreto unha moza que participou nun dos concursos do programa sinalou: "cando me propuxeron intervir no programa, penseino moito. Aparecer diante das cámaras impón un pouco, pero aparentaba estar máis nerviosa do que estaba realmente. Creo, sinceramente, que representei dignamente o meu papel". Un dos máis novos da expedición facía especial incidencia no aspecto musical: "quedarei coa lembranza de poder ver en persoa aos Gemeliers, xa que nunca tivera a oportunidade de velos. Polo demais, pareceume un programa moi animado. Rinme moito cos chistes e a música que soaba era tan pegadiza que acabei baixando á pista a bailar". Finalmente, unha das persoas de maior idade das integrantes da expedición, e fiel seguidora do programa, recalcaba a ilusión que lle fixo atoparse con algún dos condutores ou colaboradores do programa: "ver a Damián, a Claudio, a Javier ou a Piñeiro é algo que me gustou moito. Son xente accesible e simpática. Algún deles non tivo problema en quedarse un momento a falar connosco, incluso de cuestións persoais". Semella que as tres horas de gravación, só interrompidas por dous descansos de uns dez minutos, transcurriron rápido para os membros da expedición que naceu froito da colaboración destas dúas sociedades sen ánimo de lucro tan representativas da parroquia de A Armenteira. Agora só queda agardar a que esta emisión se poida ver na pequena pantalla. Será aproximadamente dentro dun mes, a finais de agosto. Mentres tanto, os protagonistas desta viaxe ata o Plató 1.000 permanecerán impacientes por contemplarse nun espazo que emite a Televisión de Galicia cada sábado a partires das 22:00 horas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario