Buscar neste blog

domingo, 19 de xaneiro de 2020

Empate con sabor amargo do Armenteira C.F. feminino en Pardellas

FICHA TÉCNICA
S.D. JUVENIL RODOSA - ARMENTEIRA C.F. - 3 - 1
ARMENTEIRA C.F.:Lola; Anabel, Alba, Ana; Sara Torres, Rocío; e Sara Rey. Tamén xogou Nerea.
ÁRBITRO: Veiga Benítez. Non mostrou cartóns amarelos a ningún dos dous equipos.
INCIDENCIAS: Partido da primeira xornada da segunda fase do grupo B da Liga Feminina de fútbol-7, que se  disputou no campo Alfredo Bautista Alconero-Pardellas, de Ponteareas, ante uns trinta espectadores, nunha mañá soleada, pero fría, e sobre un terreo de xogo cunha superficie de céspede artificial excesivamente desgastada.

CRÓNICA
O equipo feminino do Armenteira C.F. comezou con empate a segunda fase do grupo B da Liga feminina de fútbol-7. Pero foi unha igualada con sabor amargo, pois o conxunto verdinegro viuse claramente superior e desperdiciou a oportunidade de lograr a primeira vitoria na historia deste equipo dende que compite na modalidade de fútbol-7. As numerosas ocasións erradas e o descenso do ritmo de xogo das verdinegras na segunda metade impediron que puideran traerse os tres puntos das terras do Tea. O encontro da mañá deste domingo foi de claro dominio do Armenteira C.F., especialmente na primeira metade, onde as accións de xogo se desenvolveron basicamente na metade do campo defendida pola S.D. Juvenil Rodosa. Acusaban a falta de pegada as visitantes, que rondaban a meta de Noelia Peláez, pero non lograban finalizar con éxito as ocasións. No minuto 25 o colexiado Veiga Benítez sinalou de forma trabucada a fin do primeiro período. Ante as advertencias de Marcial Prado o trencilla deuse de conta do seu erro e prolongou os cinco minutos que restaban desta parte. E sería nese momento cando Alba, cun potente zapatazo, convertía en gol un lanzamento de falta. Tras o descanso o Armenteira C.F. mostrou certa relaxación, baixo o ritmo de xogo e permitiu que o rival adiantase liñas e comezase a dar sensación de perigo. Conducidas por Nerea Ubeira "Peque" as pontareanas fixeron intervir a unha Lola que pasara frío na primeira metade. Ao contragolpe as verdinegras dispuxeron de oportunidades para sentenciar. Anabel, Sara Rey ou Rocío tiveron nos seus pés a ocasión de ampliar a vantaxe visitante, pero nunha acción de ataque da S.D. Juvenil Rodosa na que Anabel sufriu un forte golpe na cara, Luisa Granada colacaba o un a un. Intentou o Armenteira C.F. acadar o tanto que lle dese un triunfo que cría que por xustiza merecía, aínda que non foi posible. Con este empate o cadro que dirixe Marcial Prado sitúase na terceira plaza, á espera de recibir o próximo domingo, previsiblemente ás 17:00 horas, ao Porriño Industrial F.C., un conxuno que ocupa de forma momentánea a primeira posición desta fase da liga, e que figura entre os máximos favovitos a levarse o título de campión.








Ningún comentario:

Publicar un comentario