As numerosas publicacións que realizamos ou compartimos en ARMENTEIRA, CON VOZ PROPIA ao longo de 2019 tiveron un seguimento desigual. Os contabilizadores da rede social Facebook ou da páxina Blogger permítennos establecer un curioso ránking.
No caso da rede social Facebook a publicación que contou con maior seguimento foi a vídeo-reportaxe que o programa da RTVE España Directo emitiu o 5 de abril, no que, a través testemuños de Javier Limeres e María Carramal, representantes da Asociación de Veciños e Veciñas de A Armenteira, se abordaba a problemática da presenza de cabalos salvaxes nas leiras de cultivo e nas vías de circulación, ademais doutros aspectos. A publicación acadou as 6.924 visitas. A segunda posición a nivel de visitas ocuparíao a publicación do cartel do IV Festival Armenteira Jazz, realizada o 7 de agosto, que sumaría 2.681 visitas. A continuación, no terceiro posto, estaría a publicación dunha nota informativa sobre a exposición das bases provisionais do proceso de concentración parcelaria, realizada o 11 de xullo, e que alcanzaba 1.634 visitas. Na cuarta posición situaríase unha noticia compartida da edición dixital do Faro de Vigo, que se refería a que a asociación veciñal de A Armenteira buscaba colaboradores e colaboradoras para poñer en marcha un proxecto de horta ecolóxica comunitaria e que lograba a cifra de 1.136 visitas. Finalmente, no quinto posto do ránking estaría de novo unha publicación co cartel do festival Armenteira Jazz`2019, con data de 7 de xullo, e que tivo 1.114 visitas.
En canto á contabilización realizada pola páxina Blogger a publicación que conseguiu un maior número de visitas ao longo do ano 2019 foi a que o 7 de xullo relataba o triunfo do equipo que participou en representación da parroquia de San Lourenzo de Nogueira no I Torneo Interparroquial do Concello de Meis. Esta nova alcanzou 482 visitas. Na segunda posición situábase outra noticia que levantou a gran expectación. É a que se refería o 1 de abril á presenza eses días dun equipo do programa España Directo para gravar unha reportaxe en A Armenteira. O terceiro posto das publicacións, segundo Blogger, sería para unha noticia con escasa base real, pero que a tenor dos indicadores, chamou moito a atención. Trátase dunha das inocentadas publicadas este ano por ARMENTEIRA, CON VOZ PROPIA co motivo do 28 de decembro, na cal se contaba que unha nova comisión relanzaría as festas da parroquia durante o ano 2020. Na cuarta posición dase un empate entre unha noticia publicada o 24 de xuño na que se facía referencia á celebración da tradicional fogueira de San Xoán, adiada a causa das previsións climatolóxicas desfavorables, e na que se mencionaban algúns detalles deste popular festexo, que finalmente tería lugar na noite do 28 de xuño. Co mesmo número de visitas estaría unha publicación realizada o 16 de xullo e referida á exposición das bases da concentración parcelaria na Casa de Cultura de A Armenteira. Para finalizar, no quinto posto do ránking situaríase unha noticia na que se abordaba a celebración do último pleno da anterior lexislatura, que reuniu o 25 de marzo aos membros da Corporación Municipal do Concello de Meis, antes de dar paso á nova representación dos veciños e veciñas saída das eleccións desenvolvidas o 29 de maio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario