Buscar neste blog

luns, 13 de xaneiro de 2020

O Armenteira C.F. feminino xa coñece o calendario da segunda fase da liga

A delegación de Vigo da Real Federación Galega de Fútbol, na que está inscrito o equipo sénior feminino do Armenteira C.F. deu a coñecer este luns, 13 de xaneiro, o calendario da liga feminina de fútbol-7. As mozas do clube verdinegro, que finalizaron na décimo terceira posición na primeira fase, con trece puntos, terán que medirse nesta etapa da competición a outros seis conxuntos, todos eles de localidades situadas na zona sur da provincia de Pontevedra. Porriño Industrial F.C., Caldelas C.D., Cultural Areas, Colegio Apóstol, S.D. Juvenil Rodosa e San Roque Casablanca serán as rivais que terá en fronte a escadra que dirixe Marcial Prado. A tenor da clasificación na primeira fase o favoritismo correspondería ao Porriño F.C., que rematou na novena praza, con vintedous puntos, pero todo indica que será unha competición aberta e igualada, na que a influencia das lesións e a dispoñibilidade de futbolistas serán determinantes. Para iniciar esta parte da liga o Armenteira C.F. terá que desprazarse ata Ponteareas, onde a próxima fin de semana se medirá á S.D. Juvenil Rodosa, á que vén de superar por dous tantos a cero no último partido que as verdinegras disputaron no ano 2019. Quedan por diante catorce xornadas nas que as de A Armenteira agardan competir con dignidade e, a ser posible, loitar por situarse por posicións privilexiadas da táboa. 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario